Marín activa a segunda fase da reforma da Rúa do Forte e o treito entre Portocelo e Mogor
Por Redacción
O Concello de Marín vén de recibir o proxecto para a segunda fase da Rúa do Forte e o tramo entre as praias de Portocelo e Mogor.
Segundo explicou a alcaldesa, María Ramallo, "contempla seguir esta humanización ata o final da rúa, para entroncar despois co tramo que segue da PO-551 e finalmente actuar no vial de praias, desde Portocelo ata Mogor".
Neste momento, xa está executada ao 50% a primeira fase da humanización da Rúa do Forte, desde a porta Juan Carlos I da Escola Naval Militar ata pasada a gasolineira.
Agora este novo proxecto ten un orzamento base de licitación de 682.577 euros, que serán investidos con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística de Marín, co que o Concello acadou 2 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation.
María Ramallo indicou que deste xeito "resolveremos o problema de estreitamento que hai nesta zona máis alta do Forte e repararemos os pavimentos que están en mal estado, así como a capa de rodadura". Tamén se plantexa a renovación da rede de saneamento.
O itinerario ciclista irá por toda a marxe dereita segregado do tráfico, tanto no Forte como até Mogor. Nas zonas nas que haxa espazo abondo terá a súa propia delimitación e naquelas nas que o estreitamento da vía non o permita, crearanse zonas de uso compartido co tránsito peonil.
Ramallo quixo chamar a atención sobre todo o que se avanzou en mobilidade sostible nestes anos. "Non somos conscientes de que cando se remate a execución deste proxecto, para o que aínda falta pero que xa está en camiño, poderemos ir de xeito peonil ou en bicicleta desde o límite do noso municipio en Cantodarea ata a praia de Mogor sen parar, cun itinerario seguro, modernizado e cómodo", destacou.
A día de hoxe, o proxecto está pendente de recibir todas as autorizacións precisas para a súa tramitación: de Costas da Xunta de Galicia, do Instituto de Estudos do Territorio, da Consellería de Infraestruturas, do Ministerio de Defensa e de Augas de Galicia.