Marín agarda rematar en catro meses a humanización da Rúa do Forte
Por Redacción
Mellorar a conexión do centro urbano co litoral. Ese é o obxectivo da humanización da Rúa do Forte, na que o Concello de Marín investirá case 292.000 euros.
As obras, que teñen un prazo de execución de catro meses, serán executadas pola empresa Construcciones Fechi, despois de que a mesa de contratación analizara ata oito ofertas.
Esta actuación permitirá reordenar todo o espazo do viario que discorre pola marxe dereita da Rúa do Forte, entre a entrada principal da Escola Naval Militar ata a porta do pavillón do centro castrense, mellorando a accesibilidade e a mobilidade da vía, apostando pola sostibilidade.
O proxecto recolle a eliminación dun dos carrís de circulación da calzada para crear un carril bici separado do tráfico rodado e anchearase a beirarrúa para adaptala aos estándares de accesibilidade.
Nos espazos nos que non sexa posible ter ese carril bici separado da beirarrúa, habilitarase unha zona de convivencia entre os peóns e as bicicletas debidamente sinalizada.
Ademais, inclúese a repavimentación da calzada e a instalación de pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade viaria. Actuarase tamén no alumeado público, eliminando os puntos de luz actuais e substituíndoos por 11 de tecnoloxía LED, para fomentar a eficiencia enerxética.
Con esta obra aproveitarase tamén para renovar a rede de saneamento da propia Rúa do Forte.