Un camión estraga un cruceiro en Cambados ao enlearse co tendido eléctrico
Por Redacción
Un camión causaba un notable estropicio na mañá deste luns en Castrelo, no municipio de Cambados.
Cando circulaba pola estrada EP-9006, o vehículo enredábase cos cables do tendido eléctrico e telefónico. Como consecuencia deste enganche derrubáronse varios postes que soportan o cableado e, ademais, causaba danos no conxunto do cruceiro de Con do Ramo.
Segundo indican efectivos do Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados foi necesario recoller todas as partes do cruceiro para que o técnico de Patrimonio comprobe se é posible a recuperación deste elemento patrimonial. As pezas quedaron en custodia municipal para o seu estudo.
Ao lugar acudían tamén axentes da Policía Local de Cambados e da Garda Civil de Tráfico.
O condutor do camión resultou ileso.