Somos Ponte pon en valor a solidariedade pontevedresa
Por Oskar Viéitez
O Salón de Plenos do Pazo Provincial acolleu este mércores a xornada Somos Ponte, impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD para o desenvolvemento e dedicada á cooperación internacional. O acto serviu ademais como punto de encontro para profesionais do terceiro sector e responsables políticos de toda a provincia.
O obxectivo principal do encontro foi destacar e recoñecer a importancia desta política pública que ten por obxectivo mellorar as condicións de vida das persoas que viven nos países máis empobrecidos, así como subliñar a importancia do compromiso das administracións locais na implementación destes proxectos a través do financiamento dos mesmos, a chamada cooperación descentralizada.
Na xornada participaron a deputada provincial de Igualdade e Benestar Sandra Bastos, a presidenta da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, María Paz, a defensora dos dereitos humanos do Salvador, Roxanna Cubías, así como diversos responsables políticos, persoal técnico da administración local así como persoal e voluntariado de ONGDs da provincia. Tamén estiveron presentes a Universidade de Vigo; o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia.
As persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer o traballo realizado por varias oenegués como Médicos do Mundo, Arquitectura sen Fronteiras ou Entreculturas.
Tamén dous proxectos desenvolvidos polas ONGD Solidariedade Internacional e Azada Verde, financiados pola Deputación de Pontevedra a través da súa liña de subvencións para proxectos de cooperación ao desenvolvemento.
DÍA MUNDIAL DAS DEFENSORAS DE DEREITOS
A xornada coincidiu coa celebración do Día Mundial das Defensoras de Dereitos. A cooperación galega ten un gran vínculo con moitas destas mulleres que en países como Honduras, O Salvador ou Guatemala, entre outros, exercen como altofalante das súas comunidades para loitar polos dereitos humanos, cun gran risco persoal que en non poucas ocasións compromete a súa integridade física e mesmo a súa vida.
Para falar da cooperación ao desevolvemento dende a perspectiva do Sur Global e a realidade do réxime de Nayib Bukele, a xornada contou coa participación de Roxanna Cubías, defensora dos dereitos humanos das mulleres do Salvador.
SOMOS PONTE: COMPROMISO LOCAL, XUSTIZA GLOBAL
A xornada enmárcase dentro do programa de sensibilización Somos Ponte que estes días comezou a desenvolverse en varios centros educativos da provincia, a través de talleres facilitados polas ONGDs galegas Agareso, Solidariedade Internacional e Ecos do Sur.
En 2022, as organizacións de cooperación ao desenvolvemento galegas presentes en América Latina, Asia e África desenvolveron 68 proxectos de defensa dos dereitos humanos e mellora das condicións de vida dos que se beneficiaron preto de 380.000 persoas en 22 países.
Relacionadas:
-
Música, solidariedade e tradición para celebrar o Nadal en Cerdedo
Por Redacción |
-
Volven as "Caixas da ilusión", en beneficio das familias máis vulnerables de Poio
Por Redacción |
-
O PSOE insta á Deputación do PP a acoller 35 inmigrantes africanos na residencia de Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A cultura galega únese no Pazo da Cultura "contra a barbarie" en Palestina
Por Cristina Saiz & Redacción |