Máis de 300 actividades compoñen a programación do 25 aniversario do Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por María José Pita
Como "unha experiencia máxica" definiu o concelleiro de Cultura Demetrio Gómez a vindeira edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
Facía esta declaración durante a presentación do programa desta cita coa literatura para todos os públicos, que cumpre o seu 25 aniversario.
Do 1 ao 17 de marzo no Pazo da Cultura desenvolveranse máis de 300 actividades, a metade delas en aberto e as outras 150 destinadas a centros escolares fóra de programa.
Ilustración, presentacións de libros, contacontos, espectáculos, cociña, exposicións ou obradoiros de ilustración, entre outros, compoñen a oferta de lecer e aprendizaxe ao redor dos libros.
Nesta edición, súmase o Teatro Principal aos espazos onde se sitúan as actividades do Salón. Será a través de proxeccións de películas os domingos 3, 10 e 17 de marzo ás 12:00 da mañá. Tamén están previstos dous roteiros pola cidade o sábado 9, titulada 'Na procura do alicornio', e o sábado 16 adicado ás 'Fórmulas máxicas dos pastiqueiros', figura que se recupera nesta edición.
Cataluña é o país literario convidado este ano, polo que haberá actividades onde se mesture o catalán e o galego para que "sexan os libros camiños de ida e volta cos que coñecernos e recoñecernos, os galegos e galegas que viven en Catalunya e viceversa".
Os libros en lingua catalá únense á ampla oferta de exemplares en galego, ata acadar máis de 4.000 volumes en total. Ademais, como novidade, incorpóranse libros en árabe, pensando na poboación cada vez máis abondosa que vive en Pontevedra, e a iniciativa dos 'libros máxicos' que cedeu a ONCE "para que se poidan ler coas mans", informaba o edil de Cultura.
O Salón ten como tema central 'A maxia'. Por iso, programáronse nove espectáculos de prestidixitación nos que intervirán nomes tan coñecidos como o pontevedrés Pedro Volta, o Mago Teto ou a Maga Fani.
O 8 de marzo, Día da Muller, celébrase no ecuador do Salón, e para reivindicar a data haberá unha programación especial que pon o acento na igualdade e nas achegas das mulleres a través de obradoiros de videoxogos, ilustración ou contos, entre outros.
O público que se achegue ata o Pazo da Cultura desfrutará dunha "ambientación sorprendente", en palabras de Demetrio Gómez, quen adiantou que a Biblioteca do Salón estará situada na 'Fraga de Esmelle', un espazo que homenaxea a a novela galega da fantasía máxica Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro.
Gómez lembraba que "o 90 por cento das actividades son de balde e que os espectáculos máis caros serán de 3 euros". Neste sentido, indicou que, para evitar longas colas, algunhas actividades precisarán inscrición previa, mesmo se son gratuítas. Este martes 20 de febreiro ás 17:00 horas ábrese a reserva para as actividades da primeira fin de semana do Salón; a segunda quenda, estará dispoñible o martes 5 de marzo para as actividades da segunda fin de semana; e o martes 12 ábrese a reserva das actividades da terceira e última fin de semana.
A inauguración do Salón será o venres 1 de marzo ás 18:30 co espectáculo de fusión entre danza, maxia e teatro '25 anos de maxia: o faiado dos contos que foron ou poderían ser', dirixido por Manuel Albariñas.
Pódese descargar a programación na seguinte ligazón: www.salondolibro.gal/Programa-O-SALON.pdf
Relacionadas:
-
Unha gran gala de maxia brillará este domingo no Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- Ritmo máxico na inaguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Redacción |
-
Comeza o Salón do Libro cargado de 25 anos de maxia e ilusión
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Feminismo" como eixo da campaña para o 8M: "É imprescindible para mellorar a sociedade na que vivimos"
Por Almu Dapena |
-
Orbil, "un pouco máis guapo" para celebrar as vodas de prata do Salón do Libro
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Andrea Fernández debuxa o cartel do XXV Salón do Libro, que estará adicado á maxia
Por Oskar Viéitez |
-
Quince centros educativos participarán na 'Troca de libros' o 10 de marzo
Por Anxo Lourido |
-
Primeiros pasos do Salón do Libro 2024, con cita para Orbil no salón de peiteado e homenaxe aos centros escolares
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |