Fanfarlo: "Sempre conectamos moi ben co público español. ÿ un sitio magnífico para comezar a xira"
Por Alejandro Espiño
Apenas 24 horas antes de chegar a Pontevedra, Cathy Lucas, compoñente de Fanfarlo atende a PontevedraViva desde Londres. Nada máis descolgar o teléfono falamos do concerto que a banda inglesa deu o pasado verán en Santiago de Compostela. "Estivo moi ben, recordo que foi nun edificio moi turístico que tedes nunha montaña", sinala. Refírese así á Cidade da Cultura, onde actuaron no marco do ciclo Atardecer no Gaiás.
Foi un dos seus últimos concertos en España antes da publicación, hai tan só uns días, do seu terceiro disco, Let's Go Extinct, un traballo no que manteñen os seus acenos de identidade e introducen novos sons que lles permiten sacudirse certas etiquetas. Pontevedra será a primeira cidade europea, fóra da súa Gran Bretaña natal, en comprobar como soan en directo as súas novas cancións. Será este sábado (21.00 horas) no Pazo da Cultura. Chegan acompañados de Lilies On Mars, unha das revelacións máis recentes da música británica.
A vosa xira europea comeza en España e, máis concretamente, en Pontevedra. Por que escollestes o noso país para estrear o novo disco en directo?
España sempre foi un lugar onde conectamos moi ben co público. Cada vez que vimos atopamos unha audiencia que nos responde e que nos acolle dunha forma moi cálida. Por iso é un lugar máxico para nós. ÿ un sitio magnífico para comezar a xira porque podemos arriscarnos a probar cousas novas, a probar por exemplo novas versións de cancións, porque sabemos que o público responderá sempre. Veñen divertirse e dano todo nos nosos concertos. Estámoslles moi agradecidos.
Chegades con Let's Go Extinct, o voso terceiro disco, recentemente saído ao mercado. Que imos atopar neste novo álbum de Fanfarlo?
"Hai moitas cousas diferentes neste disco. Tratamos de que cada álbum se diferencie do anterior, seguir avanzando musicalmente para non repetirnos"
ÿ un disco conceptual sobre a evolución humana. Recolle todas esas historias que habitualmente non atoparías nun álbum de pop. Tratamos de responder á pregunta de onde demos estamos e cara a onde imos ir agora. Interésannos as historias relativas ao vínculo dos seres humanos co universo. Gústanos xogar con grandes ideas, con filosofía e, neste caso, co concepto da extinción.
Hai historias sobre os inicios da vida na Terra e a súa relación co espazo exterior, sobre persoas que asinan contratos para permanecer xuntos para sempre, que é unha especie de historia de amor. Que máis? Hai historias sobre volver converternos en criaturas mariñas ou todo tipo de suposicións sobre o que lle pode pasar aos humanos no futuro. Tamén sobre de onde vimos. E analizamos a poesía e o dramatismo que hai detrás de todo iso.
Que hai de diferente neste traballo con respecto aos dous discos anteriores?
Hai moitas cousas diferentes. Tratamos de que cada álbum se diferencie do anterior, seguir avanzando musicalmente para non repetirnos. E neste caso aprendes moito gravando cada disco. Pero se me teño que quedar con algo, diría que unha das maiores diferenzas foi a loxística do álbum. Probamos instrumentos aos que normalmente non tiñamos acceso e fixemos moitas das gravacións nós mesmos. Foi diferente ao que adoitabamos facer.
Con este disco, por exemplo, tras gravar as bases no noso estudo habitual, levámonos os arquivos a casa nun ordenador. Un amigo prestounos unha casa en Gales e alí reunímonos durante dez días. O clima era horrible, así que apenas saímos. Quedámonos dentro de casa todo o tempo. Estivemos moi illados, case non podiamos facer outra cousa máis que gravar. E grazas a iso logramos que sucedesen cousas que un estudo caro é moi difícil que pasen.
Nas cancións de Fanfarlo son fácilmente recoñecibles as influencias da música folk, do rock e, por suposto, do pop. Mantivestes esa curiosa mestura neste novo disco ou apostades tamén por novos sons?
Hai quizá novas referencias ao spaguetti western, especialmente por influencia dos temas de Ennio Morricone, mesturado co rock progresivo da ciencia ficción dos 70, e tamén á música disco. Hai referencias a sons procedentes de lugares e músicas moi diferentes. Cada membro do grupo aportou as súas ideas e decidimos xuntalas todas. Pero se teño que destacar un aspecto que nos levou a ir noutra dirección creo que sería o caso, tal vez, das letras das cancións. Todas elas combinadas permítennos ver algo moi interesante.
Este terceiro disco publícase a través do voso propio selo, New World Records. Que motivos leváronvos a autoeditalo? Buscabades máis liberdade creativa?
Para ser honestos foi máis por motivos económicos. Afórrase moito máis se fas as cousas por ti mesmo e se tes unha base firme de seguidores, financieiramente ten sentido que invistas todo o diñeiro en ti mesmo. Obviamente hai riscos, riscos que unha compañía de discos quítache financiando o teu traballo e quedándose con parte dos teus beneficios. Pero para que outro se leve o diñeiro que xeran os nosos discos, preferimos encargarnos nós mesmos.
"Na nosa banda ninguén compra CDs. Andamos sempre con música en todo tipo de formatos dixitais e isto é cada vez máis popular entre o público que consome música"
No momento no que vivimos, cando é tan fácil que a túa música estea dispoñible para o público sen necesidade de tantos intermediarios, pensamos que tería sentido dar este paso. Unha axencia xestiónanos a promoción e os concertos e o resto facémolo nós. Debes facer números, arranxar os detalles do lanzamento, resolver as diferenzas e os problemas que van xurdindo. ÿ realmente interesante.
E con este panorama entre mans como vedes o futuro da música?
Creo que a xente prefire cada vez máis comprar cancións soltas en lugar dos CDs físicos. De feito, na nosa banda ninguén compra CDs. Andamos sempre con música en todo tipo de formatos dixitais e isto é cada vez máis popular entre o público que consome música. Os CDs están chegando ao final da súa vida útil, aínda que nós seguimos editándoos porque hai moita xente que segue querendo ter algo que poida tocar.
Hai quen segue namorado desa forma de escoitar música máis mecánica, a través de dispositivos electrónicos, en lugar de apostar polo dixital. Pero para que a xente siga interesada en comprar discos físicos e non terminen por desaparecer de todo teñen que ser moi especiais. Non poden ser só un pedazo de plástico nunha caixa pequena. Hai que aportar un valor engadido a cada traballo discográfico.
Non me resisto a despedirnos sen que nos adiantes o que imos poder ver no concerto de Pontevedra.
Desde logo, será moi divertido. Imos mostrarlle ao público de que vai o novo disco, pero tocaremos cancións dos tres discos. Ademais, temos unha nova batería, Valentina Magaletti, que é realmente incrible. Chega da escena underground de Londres, pero ten formación en jazz e traballou cunha chea de xente. Estamos moi emocionados co seu directo e coa enerxía que aporta ao grupo. Será algo xenial.
Relacionadas:
-
Así é "La Deriva", o disco que Vetusta Morla presentará en directo o 1 de maio en Pontevedra
Por Redacción |
-
Noite 'Imperdible' no Pazo da Cultura: Pontevedra vibra coa música de Fanfarlo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Máis 'Imperdibles': Lilies On Mars acompañarán a Fanfarlo no seu concerto en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Nace o ciclo 'Imperdibles', con concertos de Ana Moura, Fanfarlo, Vetusta Morla + Zoé e Eli Paperboy Reed
Por Alejandro Espiño |