A Emilia Pardo Bazán máis 'escandalosa' chega a Pontevedra con "Insolación", protagonizada por María Adánez
Por Redacción
Insolación, escrita pola galega Emilia Pardo Bazán, é unha das obras máis reivindicativas da independencia das mulleres na literatura do século XIX. Foi moi criticada na súa época, precisamente, pola contundencia e independencia da súa personaxe feminina. Agora chega ao Centro Social de Afundación de Pontevedra o martes 16 de decembro, ás 20.30 horas, protagonizada pola actriz María Adánez (La que se avecina).
No ano 1889 imprimíase Insolación, unha obra que espertaría todo tipo de críticas despectivas por parte dos círculos literarios da España decimonónica. Chegouse, ata, a falar de novela pornográfica, en analogía co sucedido con O primo Bazílio de Eça de Queiroz, aínda que con maior dureza no caso de Emilia Pardo Bazán, por ser ela muller e escribir sobre os desexos e as percepcións sensuais das mulleres.
En Insolación, a marquesa Francisca de Asís Taboada (María Adanez), viúva, rompe cos corsés conservadores e represores do Madrid da época, para tomar ela a iniciativa da súa propia vida sentimental. Tras coñecer a Diego Pacheco, unha sorte de don Juan, ela mesma pensa regresar á súa terra, deixar Madrid e evitar o camiño de comportamento pouco ortodoxo para a moral da época que lle mostra o seu amante.
A racionalización das ataduras sociais e dos seus desexos construirán un personaxe redondo na súa evolución que serviu, unha vez publicada a obra, para concentrar os comentarios máis críticos contra a novela e a súa autora, firme defensora dos movementos a favor dos dereitos das mulleres que xa se sentían nos últimos anos do XIX.
Completan o reparto desta obra, con versión de Pedro Víllora e dirección de Luís Luque, José Manuel Poga, Chema León e Pepa Rus.
As entradas para este espectáculo están á venda a través das canles habituais da entidade en www.servinova.com, na billeteira telefónica no 902 504 500 e na billeteira do propio recinto o día do espectáculo.
Relacionadas:
-
O auditorio de Afundación contáxiase da forza de Pardo Bazán en 'Insolación'
Por Diego Torrado |
-
Nuria González loita contra o tempo en clave de comedia en Afundación
Por Diego Torrado |
-
Pontevedra réndese ante o fabuloso traballo de Concha Velasco na obra "Olivia y Eugenio"
Por Diego Torrado |
-
Concha Velasco, Asunción Balaguer e María Adánez, apostas teatrais de Afundación para este outono
Por Alejandro Espiño |