Pontevedra, primeira parada este ano das Feiras do Libro de Galicia: do 14 ao 19 de abril
Por Redacción
Pontevedra será a primeira cidade na que se celebrará, este ano, a Feira do Libro. A cidade acollerá este evento, promovido pola Consellería de Cultura e Educación e a Federación de Librarías de Galicia, entre os días 14 e 19 de abril.
Este encontro da cidadanía cos libros, cos autores e coa cultura en xeral celebrarase baixo o lema A historia en letras, en alusión ao historiador e escritor Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.
Así se anunciou nunha rolda de prensa celebrada en Santiago, na que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a presidenta e o vicepresidente da federación, Pilar Rodríguez e Xosé Antón Pedreira, e a presidenta da Asociación Galega de Editores, Laura Rodríguez.
O calendario de 2015 mantén o número das doce feiras do pasado ano, coa diferenza de que, este ano, en lugar de Ribadeo, será o concello de Ribeira o que acolla unha das citas.
O calendario de feiras complétase coa de libro antigo e de ocasión, que tras pasar por Santiago de Compostela, terá lugar en Pontevedra do 13 ao 28 de xuño en Pontevedra.
As novidades editoriais volverán saír á rúa como cada ano acompañadas, segundo explicou o secretario xeral, dunha "completa programación de diversas actividades para todos os públicos", entre a que se inclúen presentacións de obras, concertos, sesións de contacontos ou obradoiros.
A este obxectivo contribuirán tamén as entidades culturais locais que, como cada ano, participan activamente na programación das feiras, así como as bibliotecas de xestión autonómica, que sairán das súas instalacións para se unir á festa do libro cun espazo propio onde achegará os seus servizos a grandes e pequenos.