El Columpio Asesino e Cycle, dous concertos para poñer o broche de ouro ao aniversario de Sala Karma
Por Alejandro Espiño
A celebración do noveno aniversario da Sala Karma chega á súa fin. Faino con dous novos concertos que poñerán o broche de ouro a esta efeméride. Trátase de El Columpio Asesino, que actuará en Pontevedra este venres 27 de marzo e do grupo de música electrónica Cycle, que fará o propio ao día seguinte, o sábado 28. Ambas as dúas actuacións comezarán sobre as dez e media da noite.
El Columpio Asasino chega a Pontevedra para presentar o seu novo disco, Ballenas muertas en San Sebastián. Trátase dun traballo co que o grupo navarro obtiveron unha gran repercusión en España e México.
Malia contar con cinco Premios da Música Independente e unha das cancións máis picadas na pasada tempada, El Columpio Asesino entregou un álbum arriscado no que se desmarcan dos sons habituais da escena. De novo, co beneplácito da crítica e uns concertos que funcionan cunha precisión asombrosa.
A inspiración para este disco vén da decadencia da época actual, duns valores e ata da mesma casa onde se gravou o disco. O son, do underground neoyorkino de finais dos 70 (Suicide, ESG), de grupos kraut (Beak), industriais (Einstürzende Neubaten), tecno pop (Soft Cell) e os clásicos atemporais que sempre acompañaron ao grupo.
Pola súa banda, Cycle, que chegan á Sala Karma tras actuar a pasada fin de semana no FIV de Vilalba, mostrarán ao público pontevedrés os temas dun novo disco, Dance All Over, que editarán o próximo mes de abril. A banda é recordada pola enerxía desbordante, a explosión de rabia e espectacularidade dos seus directos, aínda que prometen que nesta nova xira introducirán novos elementos sorpresa.
Toda esa electricidade e moito máis promete estar presente na volta de Luke Donovan, La China Patino, David Kano e Juanjo Reig.
As entradas para ambos os dous concertos, que teñen un prezo de 10 e 16 euros respectivamente -8 e 12 por anticipado-, pódense adquirir en Bullit Store, El Pequeño Karma e www.ticketea.com.
Relacionadas:
-
La Bien Querida, Eladio y los seres queridos, Maryland ou The Dodos, en abril na Sala Karma
Por Alejandro Espiño |
-
Jero Romero na Sala Karma, un concerto que deixou pegada no público pontevedrés
Por Alejandro Espiño |
-
Os 'lumes secretos' de Arizona Baby incendian a Sala Karma de Pontevedra
Por Redacción |