Aprendendo arte da man de Kike Ortega
Por Redacción
Os nenos de 4 a 12 anos que acoden habitualmente ao espazo cultural Taller Abierto da praza da Estrela recibiron este venres a visita do pintor e arquitecto pontevedrés Kike Ortega, que lles explicou a súa obra e o seu modo de expresión artística.
Entre as 17.00 e as 19.00 horas, o artista traballou directamente con dez nenos aspirantes a artistas nunha obra que posteriormente se poderá ver na exposición que se inaugurará o 25 de xuño neste espazo artístico do casco histórico.
Kike Ortega, que compaxina o traballo de arquitecto co mundo da pintura, basea a súa obra pictórica en traballar sobre o corpo humano, a persoa e o seu estado emocional. Dende o ano 2001 realizou exposicións por todo o territorio español e impartiu cursos de arte a grupos reducidos, experiencia que puxo en práctica este venres.
En Taller Abierto xa se puido gozar meses atrás dunha sesión especial de acuarela da man do pintor Antón Sobral e os seus responsables indican que esperan seguir recibindo outras visitas de artistas nos próximos meses co fin de fomentar este contacto directo de artistas cos máis pequenos.