Diego Vites, María Maquieira, Basilisa Fiestras e Olmo Cuña, premiados coas bolsas Novos Valores 2016
Por Redacción
Diego Vites coa pintura 'Historiografía Tigua (sen xesta)', María Maquieira co seu debuxo 'El boceto ampliado', Basilisa Fiestras coa súa escultura 'Lentes' e Olmo Cuñas co seu vídeo 'Die sonne auf der Pfaueninsel', son os premiados coas bolsas do certame Novos Valores 2016.
O xurado considerou que a obra presentada, xunto coa súa proposta de investimento para bolsa de estudos artísticos que concede a Deputación, así como a súa traxectoria e currículo eran merecedores do máximo recoñecemento entre as 120 pezas que participaban no concurso.
Ademais das catro obras premiadas coa bolsa de 7.500 euros para estudos artísticos, o xurado tamén seleccionou outras 32 pezas que se mostrarán na exposición Novos Valores 2016, que abrirá nas salas de exposicións temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de conservación e Restauración de Bens Culturais entre o 4 de agosto e o 11 de setembro.
Alí poderanse admirar 13 obras de pintura, 7 de fotografía, 6 debuxos, 5 esculturas, 3 vídeos e 2 gravados.