Pontevedra, a musa dun novo obradoiro de creación literaria
Pontevedra será o tema principal do novo Obradoiro de Creación Literaria organizado pola Deputación en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). A inciativa foi presentada a mañá do xoves 16 de febreiro a mans do deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e da escritora Elena Gallego Abad.
Fomentar a creatividade, establecer pautas para desenvolvela e perfeccionar estas técnicas son tres dos obxectivos que se poñerán en marcha con axuda da escritora e xornalista Elena Gallego Abad, autora da saga xuvenil Dragal e a novela negra Sete Caveiras. "Moitísima xente ten historias en caixóns porque non se atreven a escribir ou porque non atopan a fórmula para sacalas ou porque non hai ninguen que lle dea esas receitas", concretou.
O taller utilizará a cidade de Pontevedra e a súa historia como musas, destacándoas como pezas fundamentais da literatura galega. Para iso, contarán con José Benito García Iglesias, divulgador da historia local pontevedresa e colaborador en PontevedraViva, que nunha clase maxistral proporcionará datos e curiosidades da cidade e os seus elementos. Para o presidente da AELG, Pontevedra "é unha dzs cidades máis literarias" que "provoca a creación", polo que supón unha gran oportunidade para utilizar a contorna do Lérez e crear "un mundo ao redor da propia obra".
O Obradoiro de Creación Literaria empezará o vindeiro luns 20 de febreiro e durante 12 sesións de dúas horas exploraranse as técnicas de creación dunha maneira dinámica e afastada das metodoloxías propias das aulas.
A inscrición é gratuíta e aqueles máis despistados aínda teñen a oportunidade de ocupar as 5 prazas que quedan. As obras resultantes serán mostradas a través da páxina www.aelg.gal e dende a Deputación estudarase a posibilidade de publicalas nun libro recompilatorio.
Relacionadas:
-
RADIO.- José Benito García: "Na Moureira tiñan a súa particular arte de pesca: a entallada"
Por Marisa Ciordia |
-
Fina Casalderrey, Xosé Monteagudo e Xosé Vázquez Pintor guiarán paseos pola Pontevedra literaria
Por Alejandro Espiño |
-
Futuros escritores terán a oportunidade "deconstruirse" no Obradoiro de Creación Literaria
Por Antía Fernández Buján |