Un FIC Bueu de récord no que aumentan as curtas dirixidas por mulleres
Por Redacción
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FIC Bueu) bateu este ano a súa propia marca coa recepción de 2.202 filmes dun cento de países distintos dos cinco continentes.
Unha vez pechado o prazo para presentar obras ao certame, que se desenvolverá na vila pontevedresa do 7 ao 15 de setembro, a organización puido constatar que, un ano máis, Francia é o país de orixe de máis obras. Volve copar a cuarta parte das obras enviadas. Isto débese ao dinamismo do cinema galo e probablemente tamén á participación dunha delegación do FICBUEU no prestixioso Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand.
España é o segundo país máis representado, con 256 filmes, seguido, aínda que con menos da metade, por Alemaña, Brasil, Bélxica, Italia e Rusia. Cómpre salientar tamén algúns envíos de lugares tan remotos coma Swazilandia, Singapur, Illa Mauricio, Moldavia ou Kirguistán.
A organización destaca tamén o lento, pero constante incremento de curtas dirixidas por mulleres, que se sitúan no 32%. No 34% dos casos trátase de óperas primas.
En canto aos xéneros, segue a predominar a ficción e os contidos adoitan ser un reflexo da realidade, destacando as temáticas sociais.
O equipo de selección do FICBUEU 2018 continuará nas próximas semanas co visionado das curtas remitidas e o 15 de maio daranse a coñecer os títulos que finalmente se proxectarán durante o certame.
Relacionadas:
-
O FICBUEU reforza a súa área social e a súa particular escola de cine itinerante con colectivos vulnerables
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xoel López e De Vacas, atractivo musical para o FICBUEU
Por Redacción |
-
Bueu volverá ter 'Tapas 5 estrellas' con motivo do Festival Internacional de Curtametraxes
Por Redacción |
-
O FICBUEU promociónase no Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand
Por Redacción |
-
O FICBUEU abre o prazo para presentar curtas para a edición 2018
Por Redacción |