"Coa recepción do 'Álbum Nós' complétase o ciclo Castelao non só no Museo de Pontevedra, senón en termos absolutos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Museo de Pontevedra viviu este martes unha xornada histórica ao dar a benvida oficial aos 50 orixinais do Álbum Nós e inaugurar dúas novas salas de exposición dedicadas a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Por primeira vez reúnense de xeito permanente preto de 200 pezas orixinais que explican a traxectoria artística e política dunha figura imprescindible para a historia de Galicia e que fan do Museo de Pontevedra un centro de referencia "insuperable", segundo destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
A presidenta destacou que o Álbum Nós supuxo o "despegamento" de Castelao como artista e encomiou a temática recollida polas estampas que mostran "con preocupación e gran realismo", as condicións de vida do pobo galego e as lacras sociais da Galicia da época como a emigración, o caciquismo, as inxustizas sociais ou a violencia contra as mulleres.
O director da entidade, Carlos Valle, destacou que as pezas expostas mostran "o máis esencial" do traballo do intelectual galeguista, xa que "salvo que apareza unha novidade de magnitude na súa obra, todo o importante que produciu Castelao está aquí".
A incorporación do Álbum Nós, desaparecidos desde os anos 30 do século pasado, produciuse de forma temporal en 2016 con motivo da mostra " Meu Pontevedra" e agora foron cedidos polos seus propietarios ao museo durante cinco anos.
A partir de agora, explicou Valle, poderase contemplar dentro da "secuencia evolutiva" de Castelao que mostran as dúas salas do museo un traballo que supuxo "un antes e un despois" no labor artístico de Castelao e na evolución da arte galego do século XX.
Á reinauguración destas salas acudiron, entre outros, membros da Real Academia Galega, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; ou os alcaldes de Rianxo e Pontevedra, Adolfo Muíños e Miguel Anxo Fernández Lores.
O acto foi pechado por Fernández Lores, quen destacou que "cada un de vostedes poden ver o Álbum Nós como desexen, mais eu véxoo como un tesouro artístico capaz de armar todo un relato da nación galega en procura de si mesma".
O Museo de Pontevedra exporá a partir deste martes de xeito permanente preto de 200 pezas das que se incorporan como novidade non só as do Álbum Nós, senón tamén outras de menor entidade como, por exemplo, ata cartaces chegados en cesión dende Venezuela.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra faise coa propiedade do Álbum Nós de Castelao
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Sala Castelao do Museo xa conta cunha guía didáctica, elaborada polo alumnado de Galego da Escola de Idiomas
Por Redacción |
-
O Museo será escenario dun acto conmemorativo sobre o legado de Castelao o 30 de xaneiro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
'Forever in Galicia', Castelao tamén se le en inglés
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O ilustrador Kiko da Silva lémbralle a Núñez Feijóo que "Bóveda non era mestre. Foi o mestre de Castelao"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Museo de Pontevedra amosa os dous lados do Atlántico a través da mirada de José Solla
Por Redacción |
-
O Museo incorpora á súa colección permanente os orixinais do Álbum Nós de Castelao
Por Redacción |
-
O Museo reestrutura as Salas Castelao para expoñer os orixinais do Álbum Nós
Por Redacción |
-
Os orixinais do Álbum Nós permanecerán expostos no Museo, polo menos durante cinco anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |