Os 'portamericanos' vibran, un ano mais, na carballeira de Caldas
O que funciona non se debe cambiar. É a máxima que o festival PortAmérica cumpriu na súa terceira edición en Caldas de Reis. Miles de persoas vibraron durante os tres últimos días na carballeira do municipio cun evento que, un ano máis, ofreceu unha combinación perfecta entre música, gastronomía e natureza.
Cun indiscutible éxito de público, que esgotou as entradas dispoñibles, PortAmérica deixou grandes momentos na retina dos 'festivaleiros' que optaron por este emblemático festival para dar unha benvida festiva ao verán nas Rías Baixas.
35 bandas e artistas chegados desde ambas as beiras do Atlántico animaron ao público desde a tarde dun xoves onde o talento feminino brillou con luz propia. Unha sempre sólida Rozalén, a dozura de Morgan e, sobre todo, o enérxico directo dunha Zahara que está no mellor momento da súa carreira, marcaron a diferenza na xornada inaugural.
Xunto a elas, un soberbio Xoel López á fronte do Combo Viramundo fixo bailar á carballeira, abrindo camiño para La Casa Azul, Carlos Sadness ou Miss Bolivia, que foron os encargados de animar ao público ata altas horas da madrugada. A pontevedresa Cora Velasco e o rock dos veteranos Elefantes subiron o pano do festival.
Xa o venres, un dos concertos máis esperados era o de Amaia, gañadora de OT 2017. Na súa primeira actuación en solitario en Galicia, a moza fixo gala da súa gran voz e atrapou a un público que coreou as súas cancións a un nivel como, ela mesma recoñeceu, non lle pasara ata o de agora. "Muchas gracias. Sois un público increíble", dixo en varias ocasións.
PortAmérica apostou na súa segunda xornada, en ambos os casos con gran éxito, polos veteranos Madness, pola enerxía dos arxentinos Él mató a un policía motorizado e por Carolina Durante, unha das bandas con maior proxección do panorama indie español, que recibiu un aplauso unánime do público polo seu gran directo.
Santi Araújo, Nixon, Anarchicks, Monsier Periné, Cuarteto de Nos, Trending Tropics ou Trapical Minds completaron a oferta musical deste segundo día, que pechou coa sesión DJ da influencer Natalia Ferviú que, nun dos momentos inesquecibles do festival, estivo acompañada sobre o escenario de Carlangas, cantante de Novidades Carminha.
Xa o sábado, PortAmérica logrou saldar a súa conta pendente con Andrés Calamaro. O arxentino, que cancelara pola choiva o seu concerto anos atrás, arrincou co seu clásico Alta suciedad e en plena conexión cun público que coreou os grandes temas da súa carreira, especialmente o clásico Flaca, co que pechou unha actuación que durou máis de hora e media.
Iso si, o seu concerto, sen dúbida o máis esperado, non terminou de responder as expectativas, quizá polo seu pausado ritmo. Todo o contrario que Depedro, que demostrou a súa conexión co público galego, ou a chilena Mon Laferte, unha sorpresa máis que agradable, que converteu a carballeira nunha gran pista de baile coas súas pegadizas melodías e os seus vibrantes ritmos latinos.
Os sempre correctos Sidecars deixaron o seu sinal sobre o escenario dun festival que, para a súa última xornada, reservara oco para Cándida, Berta Franklin, Cumbia All Stars, De la Puríssima, Los Espíritus, Pablo Lesuit ou El lado escuro de la broca e que tivo como broche de ouro as actuacións de Presumido e Camilo Lara.
O SHOWROCKING, UN PRACER GASTRONÓMICO
E se PortAmérica alimentou a alma do público coa música de todos estes artistas, tamén o fixo, neste caso literalmente, cos padais dos asistentes que puideron gozar coas propostas gastronómicas que unha trintena de cociñeiros de alto nivel, capitaneados por Pepe Solla, ofreceron durante os tres días do festival.
O ShowRocking estreaba, ademais, unha nova localización dentro do recinto -uno dos grandes acertos desta edición-, colocándose xunto ao escenario principal, demostrando a simbiose perfecta de música e gastronomía pola que aposta un festival que, a partir de agora, comeza a preparar xa a súa edición de 2020.
Relacionadas:
-
PortAmérica 2020 amosa as súas primeiras cartas: Leiva, Rufus Wainwright, Coque Malla ou Sidonie
Por Alejandro Espiño |
-
PortAmérica pon data á súa edición de 2020: 2, 3 e 4 xullo, en Caldas de Reis
Por Alejandro Espiño |
-
Case 30.000 persoas gozaron en Caldas da oitava edición de PortAmérica
Por Alejandro Espiño |
-
PortAmérica, punto de partida para a campaña contra os plásticos que chegará a todos os festivais do verán
Por Redacción |
-
Sete Festivais Rías Baixas pensados para gozar "da mellor música, nos mellores espazos e coa mellor xente"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
PortAmérica, tres días "para ser felices" cunha combinación "única" de música, gastronomía e natureza
Por Alejandro Espiño |
-
Amaia Romero, de 'OT' ao festival PortAmérica
Por Alejandro Espiño |
-
Andrés Calamaro, os británicos Madness, Depedro, Carlos Sadness e Sidecars, ao PortAmérica 2019
Por Alejandro Espiño |