Enredadas, o proxecto conxunto de Uxía, Martirio, Carmen París e Ugia Pedreira, pechará Cantos na Maré
Por Redacción
Enredadas, o proxecto conxunto de Uxía, Martirio, Carmen París e Ugia Pedreira, pechará o domingo 15 de setembro a 15 edición do festival Cantos na Maré nun espectáculo ao que se van sumar outras voces da Lusofonía.
O jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira, reunidos no proxecto 'Enredadas: Coplas e Alalás', naceu co fin de promover, fomentar e difundir a arte como encontro; estreitar o coñecemento e a experiencia destas cantoras que revisitan a copla, a jota ou os alalás.
Sobre o escenario estarán estas catro mulleres que reinventaron e revolucionaron estes xéneros e lles deron unha nova vida e unha nova visión desde o risco, a experimentación e a creación de novos contidos e arranxos que entroncan co jazz e outras músicas facendo que chegue a outra audiencia.
A organización de Cantos na Maré presentou este martes a programación que terá os días 13, 14 e 15 de setembro, un total de 15 concertos e unha ducia de actividades.
Un dos platos fortes da programación é Mayra Andrade, unha estrela caboverdiana, abandeirada do pop tropical e afincada en Lisboa, que acaba de lanzar o seu quinto álbum, ‘Manga’, en crioulo e en portugués.
O proxecto discográfico supón un regreso aos sons da música africana do continente (foi gravado en Abidjan e París) coas súas raíces caboverdianas. Traza unha delgada liña que oscila entre o urbano, o afrobeat e a música tradicional do seu país.
Cantos na Maré dá este ano un paso máis e toma unha nova reorientación. Non só haberá novos contidos senón tamén novos espazos para desenvolver actuacións e accións espallados por toda a cidade de Pontevedra, que se sumarán ao habitual espazo central do Pazo da Cultura, pois CNM tamén pretende ser un festival que promova a descuberta e revalorización do patrimonio da cidade.
Relacionadas:
-
A caboverdiana Mayra Andrade, estrela central nunha xornada ateigada de actividades no Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Bia Ferreira abre este venres o 15 aniversario de Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Antón Reixa, principal estrela dos actos que Cantos na Maré desenvolverá no Museo de Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
As mulleres comprometidas, protagonistas centrais no 15 aniversario de Cantos na Maré
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Cantos na Maré celebra o seu 15 aniversario cunha oferta de bonos a 30 euros
Por Redacción |
-
O Cantos na Maré regresa a Pontevedra do 13 ao 15 de setembro
Por Redacción |