Chega o primeiro Festival de Música e Teatro de Salcedo
Por Almu Dapena
"Dotar o rural de vida", ese é o obxectivo do primeiro Festival de Música e Teatro de Salcedo que se celebrará os días 21 e 22 de setembro na Casa Verde da parroquia de pontevedresa.
Organizado pola Asociación Cultural Casa Verde e a Banda de Gaitas Son da Pedra, todo o que acuda poderá gozar dunha mestura entre teatro, música, artesanía e unha comida campestre para a que cada un poderá levar a súa comida.
O evento foi presentado este venres polo concelleiro de Mocidade, Alberto Oubiña, e pola representante da asociación Casa Verde, Bea Pintos, encargada de presentar a programación.
O primeiro día de festival, o grupo Son da Pedra dará un concerto de gaitas ás 12:00 horas e, as 18:00, será a banda Aires de Cobres a que porá o toque musical.
Ás 20:30 horas, chega o teatro musical a cargo da banda de gaitas Os Catro Ventos e Amigos que presentarán 'Noutrora, a historia dunha carta perdida'.
Para finalizar o día, o sábado ás 22:00 horas e xusto despois do sorteo dunha gaita, proxectarase ao aire libre a película 'Elisa e Marcela' de Isabel Coixet.
O domingo 22 e último día do festival, empezarase coa actuación de Máis Cantos que encherá o ambiente de cantos tradicionais. A comida estará amenizada por un grupo de gaiteiros, e pola tarde, poderase gozar da representación da obra "Os vellos non deben namorarse" de Castelao. Será ás 18:00 horas.
O fin de festa será a partir das 20:30 horas coas actuación de Maravallada, Cantos de Taberna, Cantanascroas e Solfaghaiteiros.
A mostra de artesanía será os dous días que dure o festival e todo o que acuda poderá presenciar a elaboración dos obxectos expostos.
Vai ser un encontro de socialización estupendo para pasar unha fin de semana entre os veciños e veciñas de Salcedo", concluíu o concelleiro.
Relacionadas:
-
A Banda de Música de Salcedo presenta os concertos cos que celebrará Santa Icía
Por Redacción |
-
Bia Ferreira abre este venres o 15 aniversario de Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Antón Reixa, principal estrela dos actos que Cantos na Maré desenvolverá no Museo de Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
A Asociación Maravallada espera encher as rúas de Pontevedra para celebrar a III Edición de 'Aquí Cántase'
Por Almu Dapena |