O certame audiovisual Curtas Armadiña ofrece tres obradoiros gratuítos de formación
Por Redacción
A quinta edición do Festival Curtas Armadiña, que se desenvolverá entre o 11 e o 17 de novembro no municipio de Poio, ofrece este ano tres obradoiros de aprendizaxe de carácter gratuíto destinados a persoas maiores de 16 anos. Tamén levará a cabo un espectáculo formativo para escolares.
As actividades está previsto que se realicen no Fogar Armadiña de Combarro. O luns 11 de novembro vai levarse a cabo un obradoiro titulado 'Quero producir!' no que se analizan os aspectos básicos da produción, rodaxe e distribución dun traballo fílmico. Comezará ás 18.00 horas e estará dirixido por Laura Doval, social media manager e socia cofundadora da produtora Gaitafilmes e produtora executiva e xefa de comunicación da película 'Dhogs'.
O martes 12 de novembro, a partir das 18.00 horas, chegará Pablo Viña, técnico de bandas e captación/postprodución para ofrecer os seus coñecementos sobre introdución ao audio para ficción. As persoas que asistan poderán realizar o deseño de captación e postproducción dun guión dun proxecto de ficción.
Por último, o mércores 13 de novembro, o actor Xosé Manuel Esperante, coñecido actor de longa traxectoria teatral e audiovisual, dirixirá a partir das 18.00 horas o taller 'Que non te píllen actuando!' onde se realizarán reflexións e prácticas para analizar o traballo interpretativo no cinema. Aos asistentes recoméndaselles acudir con roupa cómoda.
As inscricións para os tres talleres pódense realizar a través do correo: curtas.armadinha@gmail.com indicando o título do taller, o nome completo da persoa solicitante, a data de nacemento e o número de teléfono. Establécese un máximo de 15 prazas por curso e a selección realizarase por orde de chegada.
Pola súa banda, a narradora Raquel Queizás ofrecerá o espectáculo 'Cinema de historias da man de Alice Guy, a nai do cinema'. Trátase dunha montaxe que combina a narración, o teatro e o cinema. Será o 14 de novembro a partir das 18.00 horas sen necesidade de solicitar inscrición previa.
Relacionadas:
-
"16 de decembro" e "Uganda", Áncora de Ouro e Áncora de Prata no Curtas Armadiña 2019
Por Redacción |
-
O festival de curtametraxes Armadiña enfúndase a bandeira galega
Por Manu Otero |
-
O certame Curtas Armadiña recoñece coa súa áncora máis especial á directora e actriz Sonia Méndez
Por Redacción |
-
Esta é a lista de nominados da quinta edición do festival Curtas Armadiña
Por Almu Dapena |
-
O Festival de Curtas Armadiña xa ten Xurado Oficial
Por Almu Dapena |