Estudantes de Comunicación Audiovisual abren unha canle en Youtube para tratar os efectos da covid-19 no sector cultural
Por Redacción
'Somos Cultura' é a proposta realizada por 18 estudantes da Facultade de Comunicación Audiovisual do campus de Pontevedra a través da canle Youtube coa intención de profundar sobre os efectos que a crise económica e social provocada pola covid-19 provoca nas industrias culturais de Galicia.
Trátase dunha actividade dentro da materia Guión, Produción e Realización, que imparte o profesor Paulino Pérez, e que ten como principal obxectivo que o alumnado aprenda a realizar un programa de televisión con formato de magazine, segundo se recolle no Duvi.
Fátima Pego, titulada en Comunicación Audiovisual, é a encargada de presentar o primeiro dos tres programas previstos, que se estreaba este mércores ás 20.00 horas. Nomes como o da actriz Raquel Meleiro; o responsable da Orquesta Panorama, Lito Garrido; a produtora audiovisual e docente Beli Martínez ou os responsables da sala de concertos A Fábrica de Chocolate son algunhas das persoas que pasarán por esta primeira entrega, que conta con Iago Rodríguez como director, Marta García como realizadora e Daniel Porteiro como produtor.
En seguintes programas está prevista a aparición de Oliver Laxe, o cineasta creador de 'O que arde' e ex alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do mesmo xeito que a do cómico Brais Doval, entrevistados para ofrecer o seu punto de vista sobre a situación en que se atopa o sector e as solucións que adoptaron os profesionais. Algunha das entrevistas tamén será difundida de maneira independente e con maior extensión da recollida neste programa 'Somos Cultura'.