Escolares de Pontevedra e Marín aprenderán inglés esta semana a través do teatro con Afundación
A Obra Social de ABANCA presenta a partir deste martes 2 de febreiro novas propostas de teatro para escolares que, debido á situación excepcional provocada pola covid-19, representaranse sen público no Teatro Afundación de Vigo, puidendo seguilo en directo desde as aulas.
Nesta ocasión, Afundación programou as obras Weird Stuff e The Final Game, de On Stage Company. Co fin de ampliar os coñecementos do inglés e de facelo dun xeito interactivo, ámbalas dúas son representadas neste idioma.
Os centros participantes desta semana abranguen escolas en Galicia, Asturias, Madrid, a Rioxa e Murcia. Dentro da comarca de Pontevedra e O Morrazo participarán o colexio Salvador Moreno de Pontevedra, o CEIP de Ardán e o CPR La Inmaculada, de Marín.
Todas as actividades chegan aos centros educativos a través dos directos de Afundación TV mediante inscripción previa. Trátase de ofrecer aos docentes un programa con contidos interesantes e adaptables aos diferentes escenarios que se poidan presentar ao longo do curso.
A programación inciarase o martes 2 de febreiro con Weird Stuff e estará dirixida ao alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A obra está baseada na exitosa serie de televisión Stranger Things. A seguinte será o 3 de febreiro con The Final Game de On Stage Company, dirixida a escolares de 5º e 6º de primaria. A proposta recrea unha aventura cibernética entre heroes e viláns de libros e videoxogos respectivamente, competindo nesta a tradición e a modernidade.
A programación para o primeiro trimestre deste ano inclúe, ademais, as obras Los tres osos de L'estaquirot Teatre; Laberinto, de Zarándula, Nautilus de La Negra, As Fabas Máxicas de Caramuxo Teatro e El ritmo de los tiempos 21.0, de Percuseve.
Esta programación está plenamente adaptada á nova normalidade, xa que non se precisa saír das aulas para participar. A oferta ten como obxectivo reforzar a formación que os estudantes reciben na escola, como unha ferramenta que complemente os programas curriculares dos centros escolares e fortaleza dimensións tan imprescindibles como a cultural, social e ética.