Teatro en liña para transmitir aos escolares de primaria o respecto pola natureza
Por Redacción
Ante a situación marcada pola pandemia, a Obra Social de ABANCA continúa o martes 9 de febreiro coa súa proposta teatral para escolares en formato online. De xeito que as representacións faranse des o Teatro Afundación de Vigo e o alumnado de primaria poderá seguilas en directo desde a súa propia aula.
Nesta ocasión, Afundación programou a obra Los tres osos, de L’estaquirot Teatre, que se poderá ver tamén en lingua de signos. Será unha transmisión cun público moi amplo, xa que se anotaron máis de 6000 escolares de centros educativos de Galicia, Asturias, León, A Rioxa, Estremadura, Murcia e Madrid.
Entre eles participarán varios centros da contorna de Pontevedra, Morrazo e Arousa: CEIP de Pontesampaio, CPR Salvador Moreno, CEIP de Ardán de Marín, Sagrado Corazón de Jesús de Placeres, CEIP Arealonga de Vilagarcía e CPI do Progreso de Catoira.
Todas as actividades chegan aos centros a través dos directos de Afundación TV, previa inscripción. O obxectivo é ofrecer aos docentes un programa con contidos interesantes e adaptables aos diferentes escenarios que se poidan presentar durante este curso.
Los tres osos está dirixida a escolares de 1º e 2º de primaria. A obra recrea o conto tradicional Riciños de ouro e os tres osos, e ten como obxectivo poñer en valor a importancia do respecto á natureza, da amizade e de axudar aos demais nunha versión na que os osos se converten nos grandes protagonistas. O xoves 11 de febreiro, ás 10 h, os escolares que viron a representación terán un encontro en directo co elenco da obra no que poderán formular preguntas a través de WhatsApp, fomentando así a interactividade, tentando aproximar ao máximo a súa experiencia á que terían se están no propio teatro.
A programación para este primeiro semestre de 2021 inclúe, ademais, as obras Laberinto, de Zarándula; Nautilus, de La Negra, As Fabas Máxicas, de Caramuxo teatro e El ritmo de los tiempos 21.0, de Percuseve.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- 'Dígocho a ti', o audiovisual co que o Sagrado Corazón "engancha aos rapaces coa lingua galega"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Escolares de Pontevedra e Marín aprenderán inglés esta semana a través do teatro con Afundación
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Xoguetes para 'debuxar sorrisos' nas familias máis afectadas pola crise da covid-19
Por Redacción |