'Dígocho a ti', o audiovisual co que o Sagrado Corazón "engancha aos rapaces coa lingua galega"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"En Galicia, cando queremos denominar a chuvia ou choiva non temos nin 1 nin 2 nin 3, senón que temos centos de termos espallados pola xeografía (...) Hoxe en 'Dígocho a ti', veremos algunhas delas".
Así comeza Antón Rodríguez o primeiro programa de 'Dígocho a ti'. Alumno de cuarto de ESO do colexio 'Sagrado Corazón Placeres', ubicado no barrio pontevedrés dos Praceres, é o presentador desta versión infantil e xuvenil do exitoso programada da Televisión de Galicia 'Dígocho eu' e dá paso ao resto do alumnado para que 'ensinen' ao público do programa que babuxa, barbaña, borralla, breca, chuvisca, chuviscada, chuviñada, orballo, partuma, patiñeira, poalla ou zarzallo son algunhas desas palabras, todas elas para falar de choiva feble.
Ese primeiro programa, que se estreou xusto ao regreso das vacacións de Semana Santa, tivo como protagonista ao alumnado de infantil e primaria do centro educativo, pero a proposta audiovisual xa ten unha segunda edición protagonizada por escolares de secundaria e ten en marcha unha terceira con participantes de distintos niveis educativos. O obxectivo final é que todo o colexio participe nesta iniciativa que está a ter tanto éxito que os dous programas xa tiveron máis dun millar de visualizacións en Youtube e o segundo outras 2.400 en Facebook.
PontevedraViva estivo esta semana con algúns dos artífices do 'Dígocho a ti'. O proxecto diríxeno os docentes Ana Sande e Josecho de la Torre, que tamén son os autores dos guións dos programas, pero implica a un equipo moito máis grande e, tal e como eles destacan, "non sería posible sen a implicación de todos", pois para que eles poidan encargarse da rodaxe ou de organizar este programa, outros docentes teñen que cubrir as súas clases. Ademais, é unha aposta firme de todo o centro, desde a dirección ao alumnado de 3 a 16 anos.
A orixe deste proxecto está no equipo de normalización lingüística do centro, que trasladou aos docentes que "hai falta de recursos didácticos en galego" para ensinar ao alumnado usando as novas tecnoloxías ou a Internet. A partir desta situación detectada, chegou un traballo conxunto no que se fusionaron varias ideas en marcha e como resultado, viu a luz o primeiro 'Dígocho a ti', unha iniciativa que xa logrou o recoñecemento non só de toda a comunidade educativa, senón tamén doutros centros escolares.
"Comentáronnos que hai outros centros que utilizan os programas para o traballo na aula", explican Josecho e Ana, que xa teñen en mente que este sexa un proxecto "a medio-longo prazo" que van continuar o próximo curso académico. De momento, xa teñen ideas para 10 programas distintos, que irán sacando periodicamente.
O primeiro versou sobre a choiva, o segundo sobre os fenómenos meteorolóxicos en xeral e o terceiro será sobre o vocabulario da escola, pero no tinteiro xa teñen outras ideas que implicarán "saír ao exterior, implicar aos avós, ás mariscadoras, á contorna..." para lograr un fin último que xa están a conseguir "enganchar aos rapaces coa lingua galega".
Nin o persoal docente nin o alumnado contaba nos inicios do proxecto que ía ter tanto éxito e boa acollida -"as familias están moi contentas tamén", aseguran-, así como tampouco pensaban que facer un programa destas características puidera resultar tan divertido e traballoso ao mesmo tempo. Para cada edición teñen horas e horas de gravación, teñen que repetir moitas tomas e logo un complexo traballo de montaxe, pero non lle choran o tempo gastado, pois están orgulloso de que "ata agora nunca lograramos facer un audiovisual que lle gustara tanto a todos" os niveis educativos do centro.
Antón Rodríguez é o único que repite en todos os programas, como presentador, e amósase moi satisfeito. Recoñece que no seu caso ese 'enganche' coa lingua galega xa viña da casa, pois "eu sempre falei galego co meu pai, tiña o galego no corazón" e mesmo se amosa disposto a estudar a posibilidade de seguir co proxecto o próximo curso a pesares de que xa non será alumno do centro porque pasará a Bacharelato.
Tamén fala galego na casa, neste caso cos seus avós, Sofía Filgueira, alumna de segundo de Primaria que aos seus 8 anos se expresa con grande soltura e participou no primeiro dos programas coa palabra "babuxa". Con gran madurez, valora que a experiencia para ela foi "moi boa" a aprendeu novas palabras que descoñecía.
Ese é o obxectivo de 'Dígocho a ti', que outra das participantes no segundo programa, Candela Iglesias, define como "unha versión feita por nenos" do 'Dígocho eu' de Esther Estévez que fai moita falta porque "nestes tempos, en Internet hai pouco". É, desta maneira, "unha forma de aprender e de crear contido en lingua galega", sen esquecer, tal e como recorda Antón Rodríguez, "a promoción da nosa lingua".
Relacionadas:
-
RADIO.- O profesor Juan Baquero Barajas presenta hoxe en Pontevedra o seu primeiro conto infantil: 'Desde la ventana'
Por Redacción |
-
Poemas de Xela Arias nos bancos da Alameda de Marín
Por Redacción |
-
'Dígocho a ti', a versión infantil do 'Dígocho eu' para aprender galego
Por Redacción |
-
Teatro en liña para transmitir aos escolares de primaria o respecto pola natureza
Por Redacción |
-
New Orleans e Os Praceres, unidos polo Sagrado Corazón
Por Redacción |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: As matemáticas non son problemas para eles
Por Marisa Ciordia |
-
Catro alumnos do Sagrado Corazón de Praceres finalistas do concurso matemático Pangea
Por Redacción |