Continúan as 'audicións a cegas' para cubrir as oito vacantes na Banda de Música de Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado
A Banda de Música de Pontevedra prosegue esta fin de semana coas probas de selección de músicos para cubrir vacantes e substitucións no seo da agrupación. Ás probas, que se celebran no auditorio do Conservatorio Profesional Manuel Quiroga, concorren un total de 124 músicos que optan a formar parte da BMP.
Na súa gran maioría, os candidatos proveñen da provincia de Pontevedra, pero tamén hai participantes chegados do resto de Galicia, así como do País Vasco, Valencia ou Madrid. Todos eles deben actuar enfronte do xurado, pero cunha curiosidade. Tocan detrás do telón e os xuíces teñen que puntualos sen velos, ao estilo do programa televisivo de La Voz.
Con estas probas, a Banda de Música de Pontevedra busca cubrir as oito vacantes que a formación ten na actualidade: 2 clarinete sib, 1 clarinete baixo, 1 fagot, 2 trompas, 1 trombón tenor e 1 trombón baixo. Ademais, con todos aqueles que non sexan seleccionados, a banda creará un rexistro para posteriores colaboracións ou participacións en espectáculos e concertos futuros.
EXITO DE CONVOCATORIA
Para a agrupación, o éxito da convocatoria é unha mostra clara da repercusión que está a ter o traballo da BMP, non só na nosa contorna senón tamén máis alá dela. "ÿ satisfactorio observar o grande interese de tantos músicos por participar dun proxecto que está máis vixente e activo que nunca", sinalou Adrián Silva, presidente da agrupación musical.
"Unha agrupación centenaria como é a Banda de Música de Pontevedra demostra gozar de boa saúde a xulgar polo interese de tantos músicos en integrar e seguir mantendo viva unha agrupación tan importante para a cidade de Pontevedra e a súa provincia", explicou Silva, quen destacou a importancia que este tipo de formacións musicais teñen na nosa sociedade e, especialmente a pontevedresa.
A profesionalización destas formacións, concluiu Adrián Silva, debe considerarse unha "clara aposta" como saída laboral e como espazo de desenvolvemento artístico de moitos músicos que rematan as súas carreiras nos conservatorios galegos.