Novos carteis lembran que nas Ruínas de San Domingos as fotos deben ser sen flash e sen pau selfie
Por Redacción
Este martes 31 de agosto estreábanse os novos sinais nas Ruínas de San Domingos na que figuran as medidas sanitarias que se deben adoptar durante o percorrido a este monumento que é o espazo do Museo de Pontevedra máis visitado.
Estes novos carteis lembran que é necesario levar posta a máscara de protección durante todo o itinerario e que a distancia de seguridade entre persoas se establece en dous metros.
Pero tamén se inclúen outro tipo de advertencias para os visitantes. Desta forma, indícase que se poden realizar fotos pero nunca con flash, trípode ou pau selfie. Permítese a entrada de cans guía pero non de mascotas. Os menores sempre deberán ir acompañados por adultos e non se pode acceder con alimentos ou con bebidas. Tampouco se pode fumar no interior do recinto nin tocar as obras ou sentar nelas ou nos seus soportes.
As visitas ata o 31 de outubro terán o seguinte horario: de martes a sábados, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas. Os domingos e as xornadas festivas o horario redúcese a tres horas, de 11.00 a 14.00 horas.