Os obradoiros de Migallas Teatro, no limbo
Por Natalia Puga
As actividades de 'Á procura do tesouro' que organiza desde hai anos a compañía Migallas Teatro en Pontevedra están este curso nun limbo, sen confirmación aínda sobre a súa celebración e sobre a súa localización. ¿O motivo? O proceso de reestruturación que o Concello está a levar a cabo na área de cultura e no funcionamento do Pazo da Cultura, que afectarán ao persoal e á programación.
Desde a compañía teatral quéixanse de que levan "máis dun mes" pendentes dunha reunión coa concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces, para tratar esta cuestión.
Segundo explican desde Migallas, o 14 de setembro solicitaron esa reunión mediante un correo electrónico e o 2 de outubro a través do rexistro do Concello e a única resposta que tiveron ata agora foi mediante dous correos electrónicos (o último, do 27 de setembro). Nestes correos comunicáronlles que a organización das actividades estaba sen rematar, pero que estas non se volverían facer no Pazo da Cultura.
Fontes oficiais do Concello sinalaron a PontevedraViva que esta reunión se producirá nos próximos días, aínda sen concretar data, pois nestes días os responsables de Cultura están a manter unha intensa xornada de reunións para organizar o funcionamento do departamento e do Pazo, nos que se producirán modificacións estruturais. En todo caso, si aseguran que vai a existir ese encontro.
A intención da responsable de Cultura é realizar un proceso de reorganización que cambie toda a estrutura da programación do Pazo, que hai dous anos deixou de ser organismo autónomo. Daranlle unha volta ao seu funcionamento e algunhas actividades van desaparecer, outras vanse modificar e outras vanse manter.
No caso de 'Á Procura do Tesouro', aínda non se sabe que decisións se vai tomar, pero si que se confirma que non se vai poder realizar no Pazo da Cultura como nos últimos anos.
Desde Migallas Teatro pediron este mércores, a través dun comunicado, coñecer os motivos polos que non se poden realizar no Pazo da Cultura. Desde o Concello sinalan que nesa reunión aínda sen data se darán todas as explicacións.
A compañía teatral considera que o Pazo é o espazo idóneo para desenvolver as actividades pola "comodidade" que supón para os familiares das nenas e nenos que proceden de fóra do núcleo urbano á hora de aparcar os seus vehículos e por "numerosas vantaxes" máis como a amplitude de espazo para traballar en grupos o que favorece que os asistentes fagan visitas ás exposicións que se realizan no Pazo e entren en contacto coas persoas artistas; así como a asistencia ás actividades do Salón do Libro ou do Culturgal.
Ademais, apuntan á dispoñibilidade do recinto feiral para realizar a exposición final e o acto de clausura coas obras de teatro das persoas participantes e a colaboración do persoal do Pazo.
Desde o Concello sinalan que o novo responsable do servizo de Cultura de Pontevedra incorporouse hai apenas un par de semanas e aínda se atopa nun momento de toma de contacto co funcionamento do departamento.
Relacionadas:
-
Preparan unha "reestruturación" dos programas culturais para público infantil no Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
O TSXG avala o cesamento de Pilar Portela como xerente do Pazo e descarta a indemnización
Por Natalia Puga |
-
O Concello disolverá o organismo autónomo Pazo da Cultura o Día dos Inocentes
Por Oskar Viéitez |
-
Inscricións telemáticas para "A procura do tesouro", "A hora do conto" e "Rocklab"
Por Oskar Viéitez |