Chévere reconstrúe a memoria colectiva galega co Prestige como pano de fondo
Por Redacción
A compañía teatral Chévere trae a Pontevedra o seu último espectáculo. Trátase de N.E.V.E.R.M.O.R.E., unha obra que recrea a partir de retrincos documentais a memoria colectiva de Galicia, co desastre ecolóxico do Prestige como pano de fondo.
A obra representarase este xoves 18 de novembro, a partir das 20:30 horas, no auditorio de Afundación en Pontevedra.
Baixo a dirección de Xron, N.E.V.E.R.M.O.R.E. conta con Miguel de Lira, Manuel Cortés ou Patricia de Lorenzo, entre outros, no seu elenco.
A función, segundo os seus creadores, é unha forma de acudir á memoria colectiva dun pobo que en decembro de 2002 non se deixou convencer polas mentiras que aseguraban que todo volvería ser como antes.
Contar esta historia é tamén un esconxuro para desfacer o feitizo que segue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora extrañamente perfecta desa cultura do petróleo que impide ver que hai máis aló do desastre.
A representación teatral concíbese nesta obra como testemuño do vivido, do presenciado. O espazo como ausencia. O espectáculo está trazado como unha caixa negra, sobre todo no sentido dunha maquinaria de rexistro de memoria.
Pero caixa negra tamén é a caixa escénica baleira, sen o aparello ilusionista e os decorados do teatro clásico. Por iso xógase coa idea de integrar a tremoia á vista do público e xerar movemento de arriba a abaixo.
Un lugar onde a escuridade permite outro tipo de aparicións e a luz mostra as tripas do escenario coma se fora o interior dun barco que naufragou e os actores e actrices, unha tripulación disposta a sacalo á boia outra vez.
Relacionadas:
-
Imaxes e lembranzas da catástrofe do Prestige chegarán ao Pazo da Cultura con 'Sempre Máis'
Por Redacción |
-
Juan Echanove, Carlos Saura e Vargas Llosa desvelan os últimos días do ditador Trujillo
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Gabino Diego, Miguel de Lira ou Juan Echanove, na tempada de teatro de Afundación en Pontevedra
Por Redacción |