A biblioteca de Campelo incrementou o número de socios e de préstamos durante este ano
Por Redacción
A actividade rexistrada na biblioteca municipal de Poio, situada en Campelo, na parroquia de San Xoán, experimentou un incremento ao longo do que vai de ano.
A falta aínda de coñecer os datos correspondentes ao mes de decembro, a tres semanas vista de que conclúa 2021 as cifras de préstamos e número de persoas afiliadas xa é superior ao correspondente a todo o 2020.
Entre os meses de xaneiro e novembro do exercicio vixente tramitáronse un total de 1.763 préstamos, entre os que se inclúen na súa inmensa maioría libros, pero tamén material audiovisual.
Esta cantidade supera en preto dun 10% a correspondente a todo o ano 2020, cando as xestións deste tipo chegaron ás 1.618, feito que salienta a concelleira de Cultura e Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, que destaca o "gran labor" que desenvolve o persoal da biblioteca ao longo dos doce meses do ano.
"Ademais de atender as peticións dos e das lectoras, continúan a facerse iniciativas de todo tipo, pensadas para xente de diferentes idades, facendo unha aposta especial pola difusión da lingua, a tradición e a cultura galega", subliña.
Todo isto tamén motivo que cada vez sexan máis as persoas que apostan por facerse socias da biblioteca de Poio.
A día de hoxe constan no rexistro un total de 587 persoas, das cales 465 son adultas e 122 infantís. Nesta última categoría constátase un crecemento bastante notable, pasando de 100 a 122, mentres que 15 séniors máis tamén optaron por darse de alta. En total, son 37 anotacións máis con respecto ás acadadas en 2020.
As dependencias situadas en Campelo ofrecen un catálogo moi amplo de obras, entre as que se pode atopar narrativa, poesía, cómicos e material audiovisual, ata superar os 16.000 elementos.
A responsable da biblioteca, Macarena Ferreiro, explica que os libros máis solicitados foron a colección de Pokemon, por parte do publico infantil, mentres que na categoría de adultos a obra que tivo un maior número de préstamos foi 'Rey Blanco', da triloxía 'Reina Roja', de Juan Gómez-Jurado.
Relacionadas:
-
A literatura xaponesa protagoniza o Día da Poesía na biblioteca de Campelo
Por Redacción |
-
A Biblioteca de Campelo será remodelada e pide unha subvención para renovar o seu equipamento
Por Oskar Viéitez |
-
A Biblioteca de Campelo modifica o seu horario
Por Redacción |
-
A biblioteca municipal de Poio gaña o Premio María Moliner
Por Redacción |