Broche de ouro á mostra de teatro universitario co debut da aula de teatro do campus
Por Redacción
A Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) dixo adeus a Pontevedra. O punto e final púxoo a representación da obra 'Nosa señora das nubes' por parte de trece alumnos e alumnas da Aula de Teatro da Facultade de Belas Artes.
Dirixidos polo responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, os integrantes da aula realizaron un gran traballo co fin de recuperar o teatro universitario.
Foi no Pazo da Cultura onde se levou a cabo a representación de 'Nosa señora das nubes', pechando así esta mostra, recuperada neste 2022 despois de doce anos de interrupción.
Os dous eixos temáticos da obra foron a memoria e o exilio escritos por Arístides Vargas, un autor arxentino que tivo que exiliarse no Ecuador por mor da ditadura militar que sufriu o seu país natal. A peza arranca co encontro, nun espazo e tempo indeterminado, de dous exiliados que, a partir de aí, van reconstruíndo o seu pasado lembrando os feitos que aconteceron na súa vila natal, Nosa Señora das Nubes.
Os 13 alumnos e alumnas responsables de levar ao escenario esta montaxe foron Irene Lumbreras, Diana Cidrás, Alexandre Souto, Mercedes Pardavila, Francisco Pernas, Carmen Durán, Uxía Couso, Natalia García, Laura del Carmen Alonso, Xulia Blanco, Rubén Ballesteros, Xiana García e Lara González, que tamén representaron a obra na XXIV Miteu de Vigo na noite do mércores.
Esta mostra de teatro universitario arrancou o mércores 20 coa representación de 'A Casa da forza' por parte da aula da USC.
Nas dúas sesións seguintes, a Miteu achegou a Pontevedra as montaxes das aulas teatrais dos outros dous campus da Universidade de Vigo.
En primeiro termo, puido verse 'O parke do crespúskulo' do grupo Maricastaña de Ourense, o xoves 21; mentres que este mércores 28, representaron 'Emigrados', da aula viguesa, antes de que os resultados finais do primeiro curso da aula do campus pontevedreses puxesen fin á mostra.