Os libros van de festa á Praza da Ferrería
Baixo unha calor abafante, pero con moitas ganas de encontrarse cos lectores. Así iniciaron este venres a Festa dos Libros as trece librarías da cidade que participan nesta feira, instalada ata o próximo domingo na Praza da Ferrería.
As carpas habilitadas convertéronse xa nestas primeiras horas nun punto de encontro de escritores e escritoras, libreiros e libreiras, editoriais e amantes da lectura, nun espazo de descubrimento, de curiosidade, de aprendizaxe e de gozo arredor da palabra e dos libros.
Os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas están abertos durante os tres días de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.30 horas.
Polos diferentes postos pasaron este venres autores como Diego M. Cara, José Balboa Rodríguez, Blanca P. Rodríguez Garabatos, Lola Fernández Pazos, Charo Pita, Perfecto Souto, Pilar Macía, Xosé Álvarez Castro, Nuria Figueiredo, Jorge J. Costas, Adrián Morgade, Perfecto Souto, Diego Ameixeiras, Milagros Bará Viñas ou Montse Fajardo.
En canto ás actividades, a programación comezou cun contacontos sobre a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, a cargo de Polo Correo do Vento; e cun faladoiro sobre memoria histórica con Xosé Álvarez Castro, Afonso Eiré e Luís Rei Núñez.
Ademais, xa pola tarde, houbo un recital do poemario Intimidación, da man do Colectivo Maiakovski, un grupo poético que reúne nomes destacados das letras do país coa intención de desenvolver propostas de creación colectiva.