A Festa dos Libros recoñece a traxectoria de Diego Ameixeiras
Por Redacción & Mónica Patxot
Diego Ameixeiras, un dos referentes da novela negra en Galicia, foi o autor ao que a Festa dos Libros lle dedicou o seu tradicional recoñecemento a unha traxectoria destacada. Foi na edición que comezou este venres e que se prolongará na Praza da Ferrería ata o domingo.
O autor, nado en Suiza e criado en Ourense, recibiu este ano o Premio Follas Novas do libro galego pola súa última novela, O cervo e a sombra, e o prestixioso Premio da Crítica que concede a Asociación Española de Críticos Literarios.
Con el conversou a responsable da libraría Cronopios, Mercedes Corbillón, que repasou con el toda a súa traxectoria ou mesmo a súa curta estadía de sete meses en Pontevedra, traballando na redacción do Diario de Pontevedra.
Explicou que non adoita reler as súas novelas, pero está seguro de que "me recoñezo máis nas últimas" porque parte do escritor que era ao principio" foi desaparecendo".
Con todo, defendeu que a novela "é un xénero adulto", porque a súa escritura esixe "reposo" e ver as cousas "con perspectiva", entre eles algúns dos temas "universais" das súas obras como o amor, a memoria ou o paso do tempo.
Xornalista por formación e guionista por dedicación, Ameixeiras cultivou con asiduidade o xénero negro, onde creou a súa particular versión do detective sagaz na persoa de Horacio Dopico.
Como narrador estreouse con Baixo mínimos (2004), á que seguiu, pouco despois, O cidadán do mes (2006) e Tres segundos de memoria (2006). Tras elas viñeron Dime algo sucio (2009), Asasinato no Consello Nacional (2010), Historias de Oregón (2011), Todo OK (2012), Matarte lentamente (2013), Conduce rápido (2014), A noite enriba (2015) e A crueldade de abril (2018).
HOMENAXE A DOMINGO VILLAR
A primeira xornada da Festa dos Libros incluíu tamén unha homenaxe a Domingo Villar, recentemente falecido.
Baixo o título El último barco, en referencia a súa novela, autores e amigos leron diversos fragmentos da súa obra e contaron pequenas anécdotas.
O peche da xornada foi un concerto de Protois, integrantes do grupo folk Deninghures.
Relacionadas:
-
RADIO.- A pontevedresa Mercedes Corbillón publica 'A beleza debe morrer' en galego máis en castelán
Por Marisa Ciordia |
-
A Festa dos Libros 2023 marca a súa data no calendario: 7 ao 9 de xullo
Por Redacción |
-
Os libros van de festa á Praza da Ferrería
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Trece librarías e máis de 80 autores dánse cita nunha nova edición da Festa dos Libros
Por Alejandro Espiño |