'Chao Mollabao', a festa que Liceo Mutante organiza para despedirse do barrio
Por Anxo Lourido
O vindeiro sábado 22 de outubro será o día en que o Liceo Mutante simbolice a súa marcha do barrio de Mollavao no que leva once anos realizando actividades. Este colectivo realizou unha publicación en Twitter na que lembran que o seu proxecto "popular e colectivo" no inmoble situado nese barrio programara máis de 700 actividades desde o seu inicio.
"Intereses espurios, unha normativa inxusta e a insensibilidade dos que mandan" son as causas que alegan para ter que buscar outra localización. "Marchamos, con fonda pena e moita loita, porque nos botan", afirman no seu fío na rede social.
Por este motivo realizarán a que denominan festa de non-despedida en 'Chao Mollabao' nas pistas das instalacións deportivas do barrio coa previsión de realizar unha xornada de festa e reivindicación: "estamos vivas e rabexamos e queremos celebralo con todas vós".
Para ese sábado, a partir das 17.00 horas, están previstas as actuacións de Malandrómeda, o mago da Rocha Vella ofrecendo rap híbrido, sucio e experimental, un artista que forma parte do Liceo Mutante desde os seus comezos; a cuadrilla dos Cró! con bailens imposibles e sonoridades sorprendentes; tamén se poderá ver ao trío vigués Cheap Lipstick con rock rápido e algo de punk; Lamprea Explosiva con máis punk; Zurraspa, procedentes de Mos con pop e influencias punkies; e LCTRCTD, co-fundador do Electrocute Zine e promotor de música experimental.
A festa durará ata a medianoite ao berro de "a cultura non se vende, deféndese!".
Relacionadas:
-
O mal tempo obriga a adiar a festa do Liceo Mutante para despedirse de Mollavao
Por Redacción |
-
O Liceo Mutante busca novo local para seguir a súa actividade "non molestando a ninguén, coma sempre fixemos"
Por Natalia Puga |
-
Ordenan o cese de actividade do Liceo Mutante, que denuncia unha "campaña de acoso"
Por Natalia Puga |