Familia Caamagno acaba de publicar 'O mundo está derrotado'. Un elepé no que manteñen os seus acenos de identidade con sons de rock, garaxe e pop, con letras en galego e aderezados de humor retranqueiro. Son Toni, Lano, Francesco, Jess e Manuele Caamagno, e con este último charlamos no podcast 'Cara a cara'. O novo disco vén cun satisfactorio preludio xa que este setembro recibían o Premio Martín Códax da Música na categoría rock.
A novidade do traballo está na produción que esta vez contou con Carlos Hernández e gravouse en 'El castillo alemán' de Madrid. "Aí nótase un cambio, pero seguimos fieis ao noso estilo. Viñamos de gravar os anteriores con Jorge Explosión e soan máis analóxicos e a un garaxe máis clásico. Queriamos probar novas experiencias na produción", comenta Manuele.
Oito temas dan corpo a 'O mundo está derrotado'. Comezan cunha reinterpretación do tema dos 90 de Juan Pardo, 'Xuntos' e pechan con 'O día que Fraga finou' inspirado no 'The day that Thatcher dies' de Hefner. Non é casual e Manuele explícao en PontevedraViva Radio. Entre unha e outra imos facendo un singular percorrido por 'Romper Espagna', 'O mundo está derrotado', '1996', 'Samurai', 'Máquina virtual', e 'O espectáculo'.
Este próximo sábado 29 presentarán o álbum en directo na Sala Capitol compostelá. Unha cita que será especial en moitos aspectos, un deles pola presenza de invitados no escenario como Guadi Galego, Martín de The Homens e Hevi de Malandrómeda. Tras este primeiro concerto, Familia Caamagno ten por diante unha xira por numerosos enclaves españois e salas galegas.