Pontevedra estreará en 2023 un ciclo de danza e artes en movemento que incluirá unha residencia artística
Por Alejandro Espiño
Abril será en Pontevedra o mes da danza e das artes en movemento. O Pazo da Cultura acollerá, entre os días 12 e 16 de abril, o seu primeiro ciclo dedicado a esta expresión artística. Traerá á cidade algúns dos espectáculos "máis importantes do momento".
Así o avanzou a edil de Cultura, Carmen Fouces, que adiantou que este ciclo incluirá ademais conferencias, talleres ou encontros con artistas, entre outras actividades, para divulgar entre o público a danza contemporánea.
"É unha das artes que máis impulso e visibilidade necesita neste momento", defendeu a responsable municipal, ao ser "a máis difícil de programar e de que atraia ao público", ao non haber moita cultura de danza en Pontevedra.
Dentro deste "chanzo máis" na programación cultural do Pazo da Cultura e do Teatro Principal, subliñou Fouces, "encaixaba moi ben" a proposta remitida polo colectivo RPM, responsables das Residencias Paraíso.
Pontevedra sumarase o próximo ano como coproductora a esta rede artística, que busca apoiar procesos creativos ao redor da danza e á arte en movemento, tanto desde un punto experimental como de deseño dun espectáculo artístico.
As Residencias Paraíso, que en 2023 lanzarán a súa sétima convocatoria, están abertas a artistas e colectivos dispostos a traballar en cada un dos espazos asociados durante dúas ou tres semanas, segundo explicou un dos seus coordinadores, Félix Fernández.
Cada un dos proxectos seleccionados reciben entre 1.500 e 3.000 euros e facilítaselles un espazo para desenvolver a súa proposta que, no caso de Pontevedra -o primeiro municipio da provincia en asociarse a esta rede-, será o Pazo da Cultura.
A fase final desta residencia inclúe tamén a apertura do proceso ao público para testar o proxecto artístico que "non ten por que acabar desenvolvendo un espectáculo", segundo Fernández, xa que moitas compañías optan por abordar investigacións sobre tendencias.
En todo caso, Carmen Fouces reitera que tanto o ciclo como o resultado desta residencia "será unha grande sorpresa" para o público, que poderá gozar durante cinco días de numerosas actividades relacionadas coa danza.
Relacionadas:
-
Noela Covelo e Élise Moreau, as artistas seleccionadas para as Residencias Paraíso en Pontevedra
Por Redacción |
-
A danza, protagonista no mes de abril coa chegada do ciclo Danza Pontevedra
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Un ciclo de danza, xornadas de banda deseñada e o regreso de Núbebes, novidades do semestre cultural
Por Alejandro Espiño |
-
'A Cova dos Libros Fantásticos', a biblioteca do Pazo da Cultura con máis de 3.000 libros de literatura galega
Por Almu Dapena |
-
Mahmood atrasa ata 2023 a súa cita co público pontevedrés
Por Alejandro Espiño |
-
Nacho Vegas actuará no Pazo da Cultura o venres 27 de xaneiro
Por Redacción |
-
O Teatro Principal, rumbo a unha reforma integral que Pontevedra busca financiar en Europa
Por Alejandro Espiño |