En marcha unha nova edición do Certame de Microteatro da Memoria
Por Redacción
O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) veñen de lanzar a terceira edición do Certame de Microteatro da Memoria.
Nesta ocasión, o acordo de colaboración para o desenvolvemento da nova anualidade foi ratificado nun encontro pola deputada de Lingua María Ortega, o director da ESADG Roberto Relova, e pola responsable do Servizo de Dinamización da Lingua Galega da escola, Imna López Silva.
Segundo lembra a deputada María Ortega, o certame de microteatro de memoria ten como finalidade que a poboación en xeral, e a mocidade en particular, reflexione sobre a historia a través de propostas de carácter escénico en formato breve, e "que a dramaturxia sexa así ferramenta para visualizar un relato por moito tempo esquecido".
Poderá optar ao premio calquera persoa, sen límite de idade, que presente un traballo escrito en lingua galega dunha extensión máxima de dez páxinas.
A temática terá que ter relación coa memoria histórica, sendo válido calquera texto que sirva para dar a coñecer a sociedade previa ao golpe de estado, as circunstancias do golpe, a ditadura, a represión, a resistencia ou a propia transmisión da memoria.
Os textos deberán ser compatibles cos valores democráticos, quedando excluído, conforme á lexislación vixente, calquera que faga apoloxía da ditadura ou de valores antidemocráticos como o machismo, a xenofobia,a transfobia, o clasismo, etc.
O premio, ao igual que nos anteriores exercicios, estará dotado con 500 euros destinados á peza escollida polo xurado. Este estará conformado pola persoa responsable do Servizo de Dinamización da Lingua Galega da ESAD ou en quen delegue; unha persoa do equipo docente da ESAD e outra designada pola Deputación de Pontevedra.
A ESAD de Galicia disporá da peza gañadora para uso escénico durante un ano a contar a partir da data do fallo do xurado, sempre no ámbito académico e sen prexuízo doutras cesións de uso se así o decide a persoa responsable da súa autoría.
O prazo máximo para a presentación de obras será o 30 de xaneiro de 2023 e admitirase só unha solicitude por cada persoa participante.
Relacionadas:
-
O Certame de Microteatro de Memoria Histórica escríbese con letra de muller
Por Alba Feijoo Alonso |
-
'Gravadas na memoria', un proxecto audiovisual da Deputación con testemuños da represión franquista
Por Oskar Viéitez |
-
Haberá novos pases do microteatro 'Un biolo na noite' ante o éxito de público na estrea
Por Redacción |
-
'Un biolo na noite', peza gañadora do I premio provincial Microteatro da Memoria, estréase o 2 de febreiro
Por Redacción |
-
'A patente do sol', de Sara Rey, peza gañadora do II Premio de Microteatro da Memoria
Por Redacción |
-
Ata o 30 de novembro ábrese o prazo para presentar textos ao Certame de Microteatro da Memoria
Por Redacción |