Marzo no Cineclube Pontevedra é o mes da directora húngara Márta Mészáros
Por Oskar Viéitez
Márta Mészáros (Hungría, 1931) é unha das máis importantes directoras europeas da segunda metade do século XX.
Foi a primeira muller que gañou o Oso de Ouro na Berlinale, con 'Adopción' (1975). Os seus filmes competiron nos máis prestixiosos festivais e obtiveron numerosos galardóns: Premio da Crítica Internacional en Cannes por 'Nove meses' (1976), Cuncha de Prata en Donostia por 'Coma na casa' (1978) ou o premio á carreira cinematográfica que lle concedeu a Academia do Cine Europeo en 2021, por citar só algúns.
Na súa obra ecoa a Nouvelle Vague francesa, mais tamén a influencia da súa educación no cinema soviético: foi alumna de Dozhenko e Pudovkin en Moscova, e pasou polas mesmas aulas ca Kira Muratova, Otar Iosseliani, Serguéi Paradzhánov, Larisa Shepitko, Aleksandr Sokúrov ou Andrei Tarkovski.
O Cineclube Pontevedra proxectará durante o mes de marzo catro das súas obras, de finais dos sesenta e dos setenta, da man da distribuidora Lost & Found.
As tres primeiras proxectaranse con subtitulado en galego e a última con subtitulado en español.
Así, o martes 7, ás 20:30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra proxectarase 'A rapariga'. Na Seminci 1969 acadou o Premio da Federación Nacional de Cineclubs
O martes 14, ás 20:30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra proxectarase 'Adopción'. A visión inédita de Mészáros das relacións extramaritais, a maternidade ou o choque interxeracional convulsionou o cinema da Europa do Leste e abriulle as portas ao éxito internacional. Na Berlinale de 1975 reciboiu o Oso de Ouro e nos premios Oscar de 1976 foi nomeado a Mellor Filme.
O martes 21, ás 20:30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra proxectarase 'Nove meses'. Este filme marca o inicio da colaboración entre Mészáros e dous dos seus actores fetiche: Lila Monori, que se erixirá nunha sorte de alter ego de Mészáros en varias das súas producións, e Jan Nowicki, que se converteu na súa parella durante longo tempo e que traballaría en case todos os seus filmes nos seguintes trinta anos. En Cannes 1977 recibiu o Premio Fipresci e na Berlinale 1977 o Premio OCIC.
O martes 28, ás 20:30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra proxectarase 'Dos mujeres'. Logo da incorporación de Nowicki á súa troupe, o éxito internacional dos seus filmes facilita a Mészáros contratar a notables intérpretes de toda Europa. Para unha das parellas protagonistas, conta aquí con Marina Vlady e co seu partenaire na realidade, o cantante e actor ruso Vladimir Vysotsky.
Relacionadas:
-
O Cineclube Pontevedra despide a tempada con ‘Disturbios’ e ‘Xente en domingo’
Por Redacción |
-
As directoras Chantal Akerman e Kinuyo Tanaka, protagonistas de maio no CineClube Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Das aulas da Facultade de Comunicación ao Festival de Cannes
Por Redacción |
-
Un ciclo de danza, xornadas de banda deseñada e o regreso de Núbebes, novidades do semestre cultural
Por Alejandro Espiño |