María Vázquez: "Se non tes case para vivir, non tes liberdade para tomar decisións e saír de entornos tóxicos"
Por Alejandro Espiño
Desde hai apenas unhas horas, Matria, a ópera prima do director pontevedrés Álvaro Gago, exhíbese en sesenta salas de cinema de toda España. Entre elas, nas de Pontevedra, Marín, Vilagarcía ou Vigo. Faino tras a súa gran acollida nos festivais de Berlín e Málaga.
O aplauso a este filme, toda unha homenaxe ás mulleres obreiras, foi unánime. Tamén o foi o recoñecemento á actriz María Vázquez (Vigo, 1979), flamante gañadora da Biznaga de Prata. A súa Ramona, unha muller imperfecta e incorrecta, namorou ao público.
"Está a ser unha viaxe incrible, sobre todo persoalmente", recoñece a protagonista de Matria a PontevedraViva. Asegura que "deixei moita vida nela pero tamén me deu moito" e celebra que só se vaia a proxectar en galego porque "non pode estar noutro idioma".
Matria xa se pode ver en todo o país. Estades nerviosos?
É un momento que, por un lado, é moi emocionante, pero tamén estou nerviosa. Sempre pensas a ver que lle parece a xente. Coas boas sensacións que tivemos nos primeiros pases e nos festivais, eu teño confianza de que vai a ir ben. Estou moi contenta coa película. A mensaxe que transmite gustaríame que chegue ao maior número de xente posible.
Falabas desas boas sensacións en Berlín ou Málaga, pero a estrea en Galicia entendo que é diferente, non? Que vos pode crear máis expectación.
Provoca máis nervios, si. En Galicia é como que impón máis estrear a película. Pero quedamos aliviados tras a preestrea en Vilanova, que é xusto o sitio no que se rodou. Era xusto o sitio que me poñía máis nerviosa. De alí son as mulleres representadas na historia e funcionou moi ben.
Vaia viaxe a que emprendiches con esta Ramona, non si?
Está sendo incrible, sobre todo persoalmente. É unha viaxe emocional moi impactante. As mulleres que coñecín abríronme as portas da súa casa e do seu corazón. E todo o que está a mobilizar a película é fantástico. Hai xente que a viu e que me din que ao rematar de vela chamaron á súa nai. A verdade é que estou embriagada de emoción.
Ao respecto desa implicación persoal, que te aportou Ramona e a película en si?
Encheume de moito amor. Deixei moita vida nela pero tamén me deu moito. É a primeira vez que estou preparando un traballo un ano enteiro. Foi un proceso creativo riquísimo no que Álvaro me deu o meu lugar. Tiven a oportunidade de construír con el moitas cousas da personaxe e da película. É a primeira vez que eu sinto que tamén é unha creación miña.
Iso reivindicabas ao recoller o premio en Málaga, que os procesos creativos levan tempo.
É que vivimos na era do inmediato. De repente chámate un produtor para facer un traballo a semana seguinte. Ás veces tes a sensación de que estás apagando lumes en lugar de ser un proceso creativo. Todo o mundo quere facer grandes películas, pero as cousas rápidas non saen. Hai que cocelas a lume lento. É importante darlle o seu tempo.
Matria é un dos poucos exemplos en España dun cine social con perspectiva feminina, que lle dá voz a una realidade moitas veces silenciada.
"Hai unha reivindicación obreira, pero aínda por riba desde a visión dunha muller. Dáme moito gusto que esta sexa das primeiras veces que pasa e que, ademais, sexa en galego"
Para min é dobremente social. Hai unha reivindicación obreira, pero aínda por riba desde a visión dunha muller. Para elas o traballo é máis precario e a vida é máis difícil. E dáme moito gusto que esta sexa das primeiras veces que pasa e que, ademais, sexa en galego.
Ao final estamos reivindicando unha lingua que está morrendo e que é moi importante darlle visibilidade. Este país é plural lingüisticamente. Hai que traballar para que a xente non o sinta como algo excluínte, senón como mostra da diversidade do país e da súa riqueza.
Pero non só en Matria hai reivindicación...
É unha película que reivindica moitas cousas pero á vez é moi humana. Faino desde un lugar e unha viaxe persoal dunha muller do cotiá, no seu día a día. É moi bonito. Creo que moitas mulleres vanse a sentir reflectidas e non é fácil nos tempos que corren. Aínda que haxa máis personaxes femininos, identificarse con eles é complicado. Polo menos para min.
E iso a pesar de que Ramona, a diferenza do que é habitual nas heroínas das historias, é unha muller que ti mesma describes como imperfecta e incorrecta
E que por momentos che pon nervioso. É como a vida mesma. Adoitamos construír personaxes femininos sen imperfeccións. Parece que se admiten menos. Os homes poden ser incorrectos e maleducados e non pasa nada. Nas mulleres custa aínda. É importante que empecemos a asumir que as mulleres somos imperfectas. Somos persoas reais.
Cres que moitas mulleres se van a recoñecer en Ramona?
Dalgún xeito, creo que todas. Aínda que sexa desde un sitio máis privilexiado porque a vida de moitas non é tan dura e complicada. Todas as mulleres vivimos o conflito coa conciliación e cos coidados da casa. Sentimos que non se valoran os traballos que facemos dentro de casa.
Vendéronos unha falsa imaxe de muller moderna. Traballamos fóra da casa pero despois non chegamos a todo. Apenas temos axuda. Non paras de facer cousas e non tes tempo para ti mesma, para saber onde estás, que é o que queres ou mesmo quen es en realidade.
E xa por non falar da realidade laboral das mulleres do mar. É aínda peor?
"Adoitamos construír personaxes femininos sen imperfeccións. Parece que se admiten menos. Os homes poden ser incorrectos e maleducados e non pasa nada. Nas mulleres custa aínda"
O mundo tan masculino do mar imprime moito carácter en Ramona. Ten esa cousa brava porque nese mundo, ou te pos brava ou te comen. Por desgraza non só é no mar. Vivimos nun mundo moi masculinizado, no peor sentido da palabra. Ás mulleres aínda nos custa atopar un lugar e que se nos escoite. Queda moítisimo por facer.
Para acadar iso é importante ter liberdade, que é o que reclama a túa personaxe.
Nun mundo tan precario no que estás intentando sobrevivir, non podes parar de traballar nin un segundo. Se non tes case para vivir, non podes ter o máis mínimo de liberdade para tomar decisións e saír de entornos tóxicos. Se non tes liberdade económica é moi difícil atopar outro tipo de liberdades. Por iso é tan importante a loita das mulleres traballadoras.
En Matria falades da loita de clases e da loita de xénero. Pero hai unha terceira batalla na que Ramona está inmersa, que é a loita xeracional coa súa filla.
É parte da aprendizaxe de Ramona. Está tan preocupada porque non repita os seus erros que non é capaz de ver que a súa filla xa é diferente a ela. Pásalle a moitas nais. Cústanos dar lugar a que os fillos se equivoquen. Teñen dereito a facer a súa vida. As nais temos que estar para apoiar aos fillos, pero non para oprimilos. Teñen que ser libres para facer quilómetros.
E, sobre todo, que importante é parar de vez en cando, pensar e avanzar, non?
É difícil pero é imprescindible. En canto un para, é posible que se abran novos horizontes. Ter a oportunidade de ir a outro lugar a ver que pasa. Iso non significa que vaia ser fácil ou inmediato. Pase o que pase, aínda que volvas ao mesmo punto volves doutra maneira.
Para preparar esta personaxe tiveches unha axuda de excepción, a de Francisca Iglesias, a muller que inspirou esta película. Como foi traballar con ela?
Estivo moi presente en todo proceso. Ensinoume todo, foi unha coach incrible. Ela é coñecedora do medio, do acento e do carácter destas mulleres. Acompañoume da man e ensinoume todos os segredos. Deume moitas claves. Foi un regalo tela cerca.
Nun principio eu tiña un pouco de medo e respecto, pero ela abriuse moito a min e foi un apoio tremendo. Tiven o sostén de Álvaro e o sostén dela. Permitiume arriscar, tirarme á piscina como actriz. Sentía que tiña dúas patas moi fortes ás que poder agarrarme.
"Vivimos nun mundo moi masculinizado, no peor sentido da palabra. Ás mulleres aínda nos custa atopar un lugar e que se nos escoite"
E o feito de que moitas mulleres poidan verse identificadas con Ramona, fixo que tomaras este traballo como un reto aínda maior?
Máis cun reto foi unha responsabilidade. Ramona somos todas. Mulleres invisibilizadas hai moitas. Para min era importante darlles un lugar, valor e compromiso. Era unha gran responsabilidade querer facelo ben para que se sentisen representadas e respectadas.
¿E como foi recibir o premio á mellor actriz en Málaga? Agardábalo?
Non vou a dicir que non o esperaba. A prensa estaba moi a favor e apoiábame moito. Había posibilidades pero non quería pensar moito niso, porque ao final é un xurado e nunca sabes. Pero fíxome moita ilusión pola película enteira. O premio é para todos. Non o digo por falsa humildade ou por quedar ben. Sen eles, non sería posible traballar como se fixo todo.
E que esperas agora do percorrido que terá a película?
O premio agardo que sexa un empurrón para que a película teña máis visibilidade. É un filme en galego que vai a chegar en versión orixinal a todos os cines de España. Iso non pasa porque normalmente piden copias dobradas. Pero foi toda una declaración de intencións. Esta película non pode estar noutro idioma que non sexa o galego.
Non quero crearme falsas expectativas. Só espero que a vexa o maior número de xente posible porque é unha viaxe emocional preciosa. Estanos a chegar así do público que xa a viu. Pode ser unha experiencia moi bonita para todos os que animen a ir a vela.
Relacionadas:
-
Os Cidade de Pontevedra 2023 recoñecerán a Teresa Abelleira e a Matriuska Producciones
Por Alejandro Espiño |
-
O ano no que os festivais e os eventos culturais volveron encher Pontevedra
Por Redacción |
-
"Matria" estará nos Goya 2024: María Vázquez e o seu director, Álvaro Gago, entre os candidatos
Por Alejandro Espiño |
-
María Vázquez, candidata aos Premios Feroz polo seu traballo en "Matria"
Por Alejandro Espiño |
-
"Matria" chega ao Festival de Málaga entre aplausos e o entusiasmo da crítica
Por Alejandro Espiño |
-
"Matria", de Berlín a Málaga: competirá na sección oficial do Festival de Málaga
Por Alejandro Espiño |
-
Éxito de "Matria" na Berlinale: "Foi unha experiencia de vida que gardo no corazón para sempre", di Álvaro Gago
Por Alejandro Espiño |
-
Álvaro Gago, director de "Matria": "Teño unhas ganas tolas de compartila e que a xente a faga súa"
Por Alejandro Espiño |
-
A Berlinale abre a porta ao cine pontevedrés: "Matria" de Álvaro Gago competirá no festival
Por Alejandro Espiño |