O Festivalle celebrará entre o 10 e o 15 de xullo a súa segunda edición en Vilanova de Arousa
Por Redacción
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta tarde na Casa de Galicia de Madrid na presentación da segunda edición do Festivalle. Un festival de teatro para homenaxear a Valle-Inclán e recuperar a súa dramaturxia, “un legado que segue sendo unha fonte inesgotable de inspiración para xeracións enteiras de dramaturgos en todo o planeta”, explicou o representante da Xunta de Galicia.
Rodríguez destacou a importancia de “seguir trasladando a novos públicos a obra do autor e consolidar o festival como un punto de prestixio dramatúrxico contemporáneo” e felicitou á Asociación de Amigos de Valle-Inclán “pola súa iniciativa para seguir divulgando e ofrecendo novas olladas ás súas obras”.
“A mellor forma de lembrar a un autor é a través da súa obra, e por iso dende a Xunta de Galicia queremos seguir brindando o noso apoio a este Festival de Teatro Valle-Inclán, unha nova ocasión para admirar a universalidade do seu traballo e a grandeza do seu talento”, rematou o conselleiro.
O Festivalle desenvolverase entre o 10 e o 15 de xullo en Vilanova de Arousa e incluirá seis producións teatrais.
Así, o luns 10 representarase "Don Ramón del Valle-Inclán", un monólogo de Pedro Casablanc, acompañado do pianista, baseado no texto de Gómez de la Serna, espectáculo estreado en datas recentes no Teatro Español de Madrid.
O martes 11 será a quenda de Morfeo Teatro con "Los cuernos de Don Friolera", o mércores 12 de "El alma de Valle-Inclán", a cargo de Rafael Álvarez El Brujo quen, o xoves 13, presentará no festival "La lámpara maravillosa", a estrea absoluta desta edición. O venres 14 a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia ofrecerá a súa representación de "A cabeza do Bautista", e o sábado, como remate da programación, a compañía El callejón del Gato deleitará ao público infantil con "La cabeza del dragón".
No marco da oferta complementaria organizarase unha exposición de debuxos de Siro López sobre personaxes de Valle-Inclán e está previsto lanzar unha nova edición do curso académico xa celebrado na primeira edición arredor da súa obra.
Así mesmo, retomarase a ruta turístico-cultural A xeografía de Valle-Inclán, que en 2022 percorreu lugares relacionados coa vida do autor ou citados nas súas obras.
No acto participaron tamén o director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o presidente da entidade organizadora, a Asociación de Amigos de Valle-Inclán, José María Paz Gago, e o director do festival, José Luis Méndez Romeu, entre outras autoridades.
Relacionadas:
-
Inicio do Festivalle en Vilanova de Arousa coa actuación de Pedro Casablanc
Por Redacción |
-
Rafael Álvarez, 'El Brujo': "Galicia tiene en Valle- Inclán un intelectual de talla internacional"
Por Redacción |
-
Valle Inclán en 'formato monicreques' para arrancar o festival de teatro Festivalle
Por Redacción |
-
O Festival de Teatro Festivalle 2022 homenaxeará a Valle Inclán en Vilanova de Arousa
Por Redacción |