Unha palestra, contacontos, unha publicación e reparto de libros para celebrar as Letras Galegas coa Deputación
A responsable do Departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, presentou a programación deseñada pola administración provincial para celebrar o Día das Letras Galegas de 2023, no convencemento de que este ano no que se cumpre o 60 aniversario desta conmemoración, deben ser unha importante homenaxe ao seu inventor Francisco Fernández del Riego.
Nunha rolda de prensa celebrada este venres, María Ortega fixo unha semblanza deste escritor e intelectual como "unha das grandes figuras da resistencia e a revitalización cultural do galeguismo despois da guerra civil", creador de moitas iniciativas para poñer en valor a lingua e a identidade do país durante toda a súa vida. "Un militante vital da nosa lingua", destacou.
A Deputación de Pontevedra vai celebrar o sábado 13 de maio, ás 11.30 horas, no Pazo Provincial unha palestra da man da editorial Galaxia, na que a docente e escritora Malores Villanueva, quen pasou días e días ao carón de Del Riego para facer a súa tese doutoral, fará un percorrido pola súa vida e obra.
Será un acto aberto ao público que precisa inscrición en lingua@depo.gal e que incluirá un 'showcooking' e petisco dedicado a Del Riego a cargo do cociñeiro Rubén González (El Cafetín), quen fará unha proposta gastronómica cos produtos favoritos do autor.
Repirase tamén un facsímil do artigo que Del Riego escribiu de mozo, cando era estudante de Dereito, no xornal 'A Nosa Terra' en 1932 co título 'Fiestra sobor da lingua galega'.
O luns 22 de maio, ás 12 horas, tamén no Pazo Provincial haberá un acto dirixido ao estudantado do ensino secundario que incluirá unha performance de Serafín Marcos que fai un percorrido ameno, didáctico e participativo pola vida e obra de Del Riego, descubrindo a un "incansable loitador pola cultura galega" partindo do seu epistolario con Carvalho Calero no cárcere de Xaén.
Do 15 de maio ao 31 de xullo, os concellos da provincia que o soliciten podrán ofrecer un contacontos para divulgar entre a rapazada a biografía de Del Riego a cargo de 'Polo Correo do Vento'.
Ademáis, o proxecto 'O camiño andado das letras' celebra o 60 aniversario das Letras Galegas cun percorrido polas 60 persoas autoras ás que se lle dedicou historicamente a data máis importante da literatura galega. A web e as redes da Deputación foron publicando unha ficha diaria con información sobre as persoas escritoras máis relevantes do país, e todo o material está recollido nunha publicación física que se distribuirá entre os centros de ensino e bibliotecas da provincia.
Por último, María Ortega tamén anunciou que diferentes obras realizadas sobre Francisco Fernández del Riego serán distribuídas pola Deputación entre as bibliotecas municipais e puntos de lectura, co fin de ampliar a dispoñibilidade da bibliografía de Del Riego a disposición de toda a cidadanía.
Relacionadas:
-
‘Un optimista radical’, teatro na Deputación con estudantes para celebrar as Letras Galegas
Por Redacción |
-
Homenaxe a Del Riego no acto central da Deputación de Pontevedra polo Día das Letras Galegas
Por Redacción |
-
O certame de narración curta de Marín xa ten gañadores
Por Redacción |
-
Música, contacontos, charlas e unha romaría para celebrar as Letras Galegas en Bueu
Por Redacción |
-
Poio celebra o Día das Letras Galegas cunha programación cultural para todos os públicos
Por Redacción |
-
A UNED Pontevedra celebra este venres o Día das Letras Galegas co espectáculo "Latitudes"
Por Redacción |
-
O campus organiza unha conferencia sobre o "exilio interior" de Fernández del Riego polo Día das Letras Galegas
Por Redacción |
-
Así será o inicio do "mes" das Letras Galegas en Vilagarcía
Por Rosalía Rico Otero |
-
O Museo conmemora as Letras Galegas con obradoiros escolares e unha visita guiada
Por Redacción |