Fillas de Cassandra, A Banda da Loba, Leilía e Sés retumbarán con voz de muller as noites da Ferrería
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
"Potencia feminina galega", así definiu Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura e Festas de Pontevedra, o contido dos catro concertos que esta semana se ofrecerán dentro do ciclo 'Con voz de muller', pertencente ás Festas de Verán, na praza da Ferrería.
O concelleiro presentaba con Estela Rodríguez, violinista de A Banda da Loba, estas propostas musicais que se iniciarán o xoves 3 con As fillas de Cassandra, que ofrecerán ao público cancións do seu primeiro traballo discográfico no que combinan "os cantares coa música electrónica", explicaba Demetrio Gómez destacando a mocidade desta agrupación.
Ao día seguinte, o venres 4, as cinco integrantes de A Banda da Loba subirán ao escenario da Ferrería para ofrecer as súas últimas composicións, que forman parte de 'Xabón Lagarta', un CD que fai referencia ás lavandeiras cando se xuntaban e realizaban os seus labores ao mesmo tempo que desenvolvían pezas musicais.
Estela Rodríguez indicou que, ademais, no seu concerto tamén realizarán un percorrido por toda a súa traxectoria musical desde o seu inicio en 2017 con 'Bailando as rúas', pasando por 'Fábrica de luz' (2019); e 'Hasme oír' (2021), o EP dedicado á poeta Xela Arias.
Demetrio Gómez describiu a música de A Banda da Loba como pop-rock e cun "estilo pegañento", como esta agrupación defínese nas redes sociais.
O sábado 5 chegará a quenda de Leilía, unha banda referencial na música galega desde os seus inicios no ano 1989. O concelleiro destacou o carácter pioneiro das integrantes deste grupo "porque fixeron o que facían as mulleres coas pandeiretas e os sachos enriba do escenario".
O ciclo pecharase o domingo con Sés, que representa a "forza das mulleres galegas" ao combinar a tradición oral coa música de cantautoras latinoamericanas, rock, pop e mesmo punk, afirmou Demetrio Gómez. A artista coruñesa presentará 'Diante un eco', o seu oitavo traballo discográfico publicado en novembro de 2022.
Os concertos comezarán ás 22.30 horas e a entrada é libre.
Tanto o concelleiro como a violinista de A Banda da Loba recoñecían a importancia de organizar estes eventos para que "as mulleres teñan presenza" nos escenarios na procura da igualdade.
Relacionadas:
-
Sés, a reivindicativa voz de muller no rock galego, electrifica A Ferrería
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
A Ferrería encheuse para gozar de Leilía
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Bejo, Rebeliom do Inframundo, Lamatumbá e Dakidarría, sons urbanos para o Miradoiro de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
A Banda da Loba fabrica luz sonora ante o público da Ferrería
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Fillas de Cassandra triunfan no inicio do ciclo 'Con voz de muller'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra busca ser un "fervedoiro" cunhas Festas de Verán convertidas no 'Pontevedra Verán Fest'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |