Samieira, Raxó e Combarro volven apostar polo teatro afeccionado con PoioEscena 2014
Por Alejandro Espiño
Se algo funciona, mellor non cambialo demasiado. Con ese espírito presentouse este venres PoioEscena 2014, o ciclo de teatro afeccionado que organiza cada ano o Concello de Poio en colaboración coa SCD Raxó, a SCD Samieira e a ACDeM Armadiña. "Demos cunha fórmula satisfactoria para todos este ano decidimos repetir engadindo pequenas novidades", explicou a concelleira de Cultura, Silvia Díaz.
De novo, PoioEscena contará cunha programación dividida en dúas semestres con doce representacións de grupos afeccionados tanto pertencentes ao municipio como procedentes doutras localidades galegas. Un dos grandes atractivos será ver sobre o escenario, por vez primeira, a Armadiña Teatro, unha das compañías de teatro creadas recientemente en Poio, concretamente por unha das asociacións organizadoras deste ciclo.
A programación para este primeiro semestre de 2014 é a seguinte:
- 1 de febreiro (Casa do Pobo, Samieira): Aquí non paga ninguén, de Fonte da tella
- 28 de febreiro (Centro Cultural Xaime Illa, Raxó): Paquita and family, de Intres Teatro
- 28 de marzo (Local da Comunidade de montes, Combarro): Intim, de Pinga Teatro
- 26 de abril (Casa do Pobo, Samieira): Croac, de Pinga Teatro
- 30 de maio (Centro Cultural Xaime Illa, Raxó): Martini seco, da Agrupación Teatral Mariñán
- 27 de xuño (Local aá Comunidade de montes, Combarro): Shakespeare Low Cost, de Teatro Carauta
Todas as obras comezarán ás 21.00 horas. O prezo das entradas oscila, igual que o ano pasado, entre os 50 céntimos e os tres euros. "ÿ un xeito de que a xente valore o teatro e a cultura, que a xente sexa consciente de que facer teatro ten un custo e require dun tempo, de xente que pon o seu talento e o seu traballo", explicou Silvia Díaz. Un prezo que, ao mesmo tempo, "non impide a ninguén ter acceso ao teatro".
A novidade de PoioEscena 2014 virá da man do público asistente á representación das doce obras que formarán o programa completo. Poderán valorar cada unha delas ao remate da representación. A que acumule unha maior puntuación de todas será recompensada coa súa presenza na apertura da edición de 2015. ÿ unha forma, segundo a concelleira de Cultura, de que o público recoñeza o esforzo e o traballo destas compañías.
Ademais de Armadiña Teatro, tamén as outras dúas compañías de teatro afeccionado do municipio terán cabida na programación de PoioEscena, aínda que será no segundo semestre do ano. Trátase de Lúa chea e o grupo Miúdo de Samieira, que xa están preparando os seus novos espectáculos.
O orzamento de PoioEscena 2014 ascende a 1.500 euros.