Triunfo vital do Pontevedra fronte a un Compostela que acabou con nove (3-0)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Importante triunfo do Pontevedra Club de Fútbol este domingo en Pasarón fronte á Sociedad Deportiva Compostela que lle fai recobrar impulso e situarse a dous puntos do liderado de grupo na Segunda RFEF, despois dun derbi con moitos ingredientes e non exento de polémica ao decidirse con dous penaltis e dúas expulsións visitantes.
Era un duelo de aspirantes, máis aló do que reflectía clasificación, e ambos os dous saltaron ao campo ademais sabendo que os dous primeiros da táboa, Ourense e Zamora, perderan os seus encontros presentando unha oportunidade inmellorable de achegarse ao liderado.
Yago Iglesias presentaba o seu once inicial cunha variación, aínda que non era a esperada debido a que Dalisson, entre algodóns toda a semana, mantíñase no equipo. O que saía era Chiqui para dar entrada no carrilero zurdo a Zabaleta e adiantar a posición de Álex González.
Saíulle ben ao comezo ao técnico granate, e é que o capitán capitalizou o maior perigo nun bo inicio local. Primeiro cun disparo á saída dun corner que desviou Pato Gillén de novo á esquina, despois cunha xogada individual que terminou cun tiro alto e por último, na mellor das tres, finalizando unha rápida transición na que participaron Rufo e Yelko, pero cruzando demasiado o esférico. Entre medias o Compostela aproximouse unha sóla vez nun centro desde a dereita punteado por Jaime Santos sen atopar portería.
Pasado o primeiro cuarto de hora de partido o xogo igualouse por completo trasladándose á zona medular, con dous equipos que achicaban ben espazos e trazaban alta a súa liña defensiva facendo que se xogase en apenas 40 metros de terreo.
Con este novo panorama as chegadas á área empezaron a escasear, e máis aló dalgunha acción a balón parado ata o descanso só destacou unha opción para o conxunto visitante, e boa, nun balón filtrado á área para Fer Beltrán, que entrara desde o banco en substitución do lesionado Pablo Antas, conectando un disparo á media volta que obrigou a Edu Sousa a empregarse a fondo para enviar a córner.
Sen goles chegouse ao descanso, e todo cambiou en apenas segundos na continuación. No seu primeiro achegamento á área, Bastos poñía un centro raso e moi perigoso, Yelko entraba en carreira e remataba forzado, pero no seu intento de evitalo Pep Caballé arroiábao. Penalti claro que Rufo non desaproveitaba para facer o 1-0 enganando a Pato Guillén.
Non houbo tempo case para dixerilo e o porteiro visitante convertiuse en protagonista para o 2-0 granate. Guillén atrapaba un balón aéreo á saída dun córner, tentaba sacar a contra, Churre cruzábaselle para entorpecelo e sacábao de encima de malas maneiras. A pelota estaba en xogo e dentro da área, polo que o colexiado sinalaba de novo o punto de penalti e expulsaba o gardameta, nunha acción tremendamente protestada polo equipo compostelán. Rufo, tras varios minutos de espera e polo mesmo lado, transformaba o 2-0 que poñía o triunfo en bandexa.
Con 35 minutos por diante os da capital de Galicia estaban obrigados a dar un paso á fronte, pero coa dificultade engadida de estar en inferioridade numérica, o que deixaba espazo para que o Pontevedra tamén buscase o terceiro e a sentenza.
Nunha desas transicións chegou a acción definitiva, aínda que non foi un gol. Álex González tirou o contragolpe en velocidade e foi derrubado por Álvaro Casas, que xa vira unha tarxeta na primeira metade. Segunda amarela e o Compostela quedaba con nove. Imposible xa para os de Míchel Alonso.
Yago movio ficha desde o banco retirando precisamente ao capitán, único futbolista local amoestado, para evitar sustos, e o tempo foise esgotando xa con menor intensidade sobre o verde, parecendo aceptar os equipos xa o resultado por inevitable.
Aínda así puido facer Eneko o terceiro no 85 cun disparo desde fóra da área, que desviou á esquina Borja Rey nunha gran intervención. Con todo nada puido facer nese córner ante o remate de Charly que si entraba directo ao fondo da portería e supoñía o 3-0 definitivo.
Tres puntos de ouro en definitiva para un Pontevedra que volve poñerse a tiro de pedra dun líder, o Ourense, ao que visitará a próxima xornada.
PONTEVEDRA CF (3): Edu Sousa, Garay, Churre, Mario Gómez, Ángel Bastos (borja Domínguez, min.86), Zabaleta, Samu Mayo, Álex Gonzáez (Chiqui, min.66), Yelko Pino (Casais, min.86), Dalisson (Toño Calvo, min.76), Rufo (Charly, min.76).
SD COMPOSTELA (0): Pato Guillén, Samu Araújo, Álvaro Casas, Juampa (Kike, min.76), Jordan (Landeira, min.76), Manu Barreiro (Hugo Matos, min.76), Jaime Santos, Euse, Antón de Vicente, Pep Caballé (Borja Rey, min.54), Pablo Antas (Fer Beltrán, min.16).
Árbitro: Enrique Gao Aladro, auxiliado nas bandas por Álvarez Rodríguez e Valdés Díaz (Asturias). Amoestou a Álex González no Pontevedra e a Manu Barreiro, Jordan, Juampa e Pep Caballé no Compostela. Expulsou o porteiro visitante Pato Guillén por vermella directa no minuto 52 e a Álvaro Casas por doble amarela no 65.
Goles: 1-0 Rufo, de penalti (min.47); 2-0 Rufo, de penalti (min.55), 3-0 Charly (min.85).
Incidencias: Partido da xornada 14 de liga na Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra ante 2.896 espectadores.
Relacionadas:
-
Empate sen goles e pouco fútbol no derbi entre o Pontevedra e o líder Ourense CF
Por Almu Dapena |
-
A primeira visita do Pontevedra á Cidade das Burgas desde a desaparición do CD Ourense
Por Diego Espiño |
-
Estar "moi concentrados" en defensa, segundo Mario Gómez, a clave para derrotar o Ourense
Por Alejandro Espiño |
-
"Co ánimo alto" no Pontevedra para asaltar a casa do líder, o Ourense
Por Alejandro Espiño |
-
A portería de Pasarón, pechada con cadeado
Por Diego Espiño |
-
Que lle pasa ao céspede de Pasarón?
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, tras vencer o Compostela: "Sen dúbida a expulsión de Pato é clave"
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, ante a visita do Compostela: "Espero un partido moi aberto"
Por Diego Espiño |
-
Dalisson, dúbida "ata o último momento" para medirse ao Compostela: "Tivémolo entre algodóns para ver se chega"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra 'convoca' a Marea Granate para o seu próximo desprazamento a Ourense
Por Diego Espiño |
-
Álex González: "Manter o mesmo nivel en todos os partidos é imposible, sempre hai baches"
Por Diego Espiño |
-
Míchel Alonso, de candidato ao banco de Pasarón a revolucionar o Compostela
Por Diego Espiño |
-
A maldición do céspede sintético, unha pantasma que se lle volve a aparecer ao Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Trompazo granate no campo do pechacancelas
Por Almu Dapena |