Trompazo granate no campo do pechacancelas (3-1)
Por Almu Dapena
Trompazo en terras asturianas para o Pontevedra Club de Fútbol, que caeu ante o pechacancelas Covadonga por 3-1. O cadro granate non soubo aproveitar as ocasións que tivo e os locais forzaron dúas penas máximas que foron decisivas. Ademais, o tamaño do campo e o céspede artificial condicionaron moito o xogo dos visitantes.
Tentou o Pontevedra levar o control do esférico desde o asubío inicial, pero co paso dos minutos as posesións fóronse alternando entre ambos os conxuntos, que buscaban a forma de facer dano ao contrario pero con apenas chegadas á área rival. Rufo tivo a primeira para os granates,e Ariel, cun bo remate de cabeza, fixo o propio para o Covadonga.
Non lograban os de Yago Iglesias sentirse cómodos sobre o verde, mentres os locais aumentaban por momentos a súa presión e desbordaban pola banda para xerar perigo en portería de Edu Sousa. As sensacións non estaban a ser boas.
De feito, o primeiro disparo entre os tres paus por parte do Pontevedra non chegou ata o minuto 25 nunha incorporación ao ataque de Álex González, que xutou desde dentro da área pero o gardameta Buru estivo moi atento para atrapar o esférico.
Cambiou o guion pasada a media hora de xogo, os granates empezaron a gañar terreo e lograron facer o máis difícil á saída dun córner. Rufo esperábaa no segundo pau, pero o balón chegou con moi pouca altura á área do Covadonga e Samu Mayo buscou o remate no primeiro pau, tocando o xusto e necesario para desviala axustada ao pau e subir o 0-1 ao marcador.
Tras o gol, o cadro asturiano apagouse por completo, mentres o Pontevedra tocaba ao seu antollo en busca do segundo que lles dese certa tranquilidade antes de chegar ao descanso.
Despois do paso polos vestiarios os granates saíron en busca da sentenza, con todo, perdoaron e perdoaron para acabar sendo eles os condenados. Dalisson tívose que retirar lesionado e entrou Borja Domínguez no seu lugar pasando a ocupar o medio centro xunto a Samu Mayo para reforzar esa zona. Con todo, segundos despois, chegou o primeiro mazazo. Chiqui agarrou Nino dentro da área, o colexiado pitou penalti. Álex Menédez disparou ao centro da portería, enganando por completo a Edu Sousa, e devolveu a igualdade. Corría o minuto 57.
Co empate o Covadonga envorcouse en tarefas ofensivas e comezaron a pisar a área rival con maior frecuencia. De feito, dous minutos despúes do gol, Turbo tívoo todo para voltear o partido, pero chutou por encima da portería.
O vendabal non cesou e agora si que o Pontevedra empezou a ter serios problemas. Ariel enviouna entre centrais cara a Vicente, que se plantou diante de Edu Sousa e picouna por encima do gardameta para voltear o electrónico.
E sen tempo para repoñerse chegou a acción que sentenciou o encontro. Mario Gómez derrubou ao seu opoñente dentro da área e o colexiado volveu pitar a pena máxima. A acción foi moi protestada polo Pontevedra, pero o árbitro non tivo dúbidas. Sen Menéndez na cancha, o encargado de lanzar foi Asier, que xutou á esquerda enganando por completo ao porteiro.
Adiantou a liña Yago Iglesias en busca da reacción, pero os asturianos xa tiñan o partido onde querían. Os granates estaban desesperados e o Covadonga rabuñaba uns segundos cada vez que podía para finalmente sumar o seu primeiro triunfo en casa e segundo da tempada.
CD COVADONGA (3): Buru, Álex (Álvaro García, min.73), Tineo, Ariel, Asier (Figar, min.84), Buru, Elena, Turmo (Dani González, min.84), Santu (Nico Díaz, min.80), Trabanco, Vicente e Nino.
PONTEVEDRA CF (1): Edu Sousa, Bastos (Charly, min.75), Churre, Mario Gómez, Álex González, Rufo, Yelko, Chiqui (Jaichenco, min.75), Samu Mayo, Dalisson (Borja Domínguez, min. 49) e Garay.
Goles: 0-1, min. 32, Samu Mayo. 1-1, min. 59, Álex Menéndez (p.). 2-1, min. 71, Vicente. 3-1, min. 75, Asier (p.).
Árbitro: Victor Castellanos (Cantabria), auxiliado por Carlos Jiménez e Adrián Vega. Amoestou a Pablo Tineo, Turmo, Dani González e Aitor Elena no Covadonga e a Churre e Chiqui no Pontevedra.
Incidencias: Partido entre CD Covadonga e Pontevedra CF correspondente á xornada 13 de Segunda RFEF disputado no Estadio Álvarez Rabanal.
Relacionadas:
-
Triunfo vital do Pontevedra fronte a un Compostela que acabou con nove (3-0)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Yago Iglesias, ante a visita do Compostela: "Espero un partido moi aberto"
Por Diego Espiño |
-
Dalisson, dúbida "ata o último momento" para medirse ao Compostela: "Tivémolo entre algodóns para ver se chega"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra 'convoca' a Marea Granate para o seu próximo desprazamento a Ourense
Por Diego Espiño |
-
Álex González: "Manter o mesmo nivel en todos os partidos é imposible, sempre hai baches"
Por Diego Espiño |
-
Míchel Alonso, de candidato ao banco de Pasarón a revolucionar o Compostela
Por Diego Espiño |
-
A maldición do céspede sintético, unha pantasma que se lle volve a aparecer ao Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, tras a derrota ante o Covadonga: "Levamos unha aprendizaxe moi boa para o que queda de tempada"
Por Almu Dapena |
-
Covadonga, o primeiro exame en céspede artificial: "Non vai cambiar a nosa idea pero si teremos que adaptala"
Por Diego Espiño |
-
Edu Sousa: "A sensación que hai é de moita seguridade"
Por Diego Espiño |
-
Unha xeira sen derrotas que non se daba desde fai nove tempadas
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, tras o partido contra a Arandina: "É unha vitoria de mérito"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Rufo e Yelko sentencian á Arandina no primeiro tempo
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Rufo: "Yago está a ensinarme outro tipo de fútbol ao que fixen toda a miña vida"
Por Diego Espiño |
-
A dificultade de facerse un oco no primeiro equipo
Por Diego Espiño |