A dificultade de facerse un oco no primeiro equipo
Por Diego Espiño
A proximidade esta tempada de primeiro e segundo equipo do Pontevedra Club de Fútbol, competindo en Segunda e Terceira RFEF respectivamente con só unha categoría de distancia, permitiu á entidade granate unha planificación deportiva con maiores sinerxias entre os seus dous equipos principais, deseñando incluso un plantel curto para dar opcións aos futbolistas da canteira.
A súa presenza nos adestramentos do primeiro equipo, ás ordes de Yago Iglesias, é unha constante desde a pretempada, e ao técnico non lle tremeu o pulso á hora de incluír a algún dos novos valores nas súas convocatorias e mesmo darlles protagonismo sobre o céspede.
Con todo, trasncurridas xa 11 xornadas do campionato, a súa presenza sobre o verde redúcese ao mínimo, e é que entrar nun once tan definido como o granate e con nivel para pelexar polo primeiro posto do grupo cotízase caro.
Iglesias leva presentando a mesma aliñación inicial nas últimas cinco xornadas, e á hora de introducir cambios homes con ficha do primeiro equipo como Charly ou Toño Calvo aparecen como principais opcións desde o banco.
No que respecta a os canteiráns, o xogador que está a gozar dun maior protagonismo é Valentín Jaichenco, xa asentado de pleno dereito na dinámica do primeiro plantel. Non en balde, Valen xa tivo minutos en Primeira RFEF, aínda que siga mantendo ficha do filial.
O extremo participou ata a data en nove dos 11 partidos disputados en liga, con 169 minutos sobre o céspede. É dicir, só deixou de participar en dous encontros, e chegou a colaborar cun gol, o que marcou fronte ao Real Oviedo Vetusta. Como complemento a esta participación, Valen defendeu xa o filial en tres xornadas de liga en Terceira RFEF, todas elas como titular.
Tras el Hugo Padín é outro dos xogadores con ficha do segundo equipo ao que máis recorreu Yago Iglesias, sobre todo como opción nas convocatorias debido a que entrou na lista en 10 das 11 xornadas. Con todo os seus minutos redúcense a 35, todos eles nas tres primeiros partidos de liga, tempo no que chegou a repartir unha asistencia de gol (no 6-0 contra o Langreo). Co segundo equipo suma cinco encontros de titular.
Ademais Víctor Casais suma 17 minutos co primeiro equipo (contra o Langreo). No caso do dianteiro muradán, a súa explosión a pasada tempada chegando a marcar en Primeira RFEF auguraba unha maior presencia arriba, aínda que unha lesión tívolle afastado as últimas semanas dos terreos de xogo, doenza que por fin puido deixar atrás gozando dos seus primeiros minutos a pasada fin de semana co B fronte ao Betanzos.
Por último tamén chegou a ser citado co primeiro equipo Berni, que entrou na lista para a visita ao Zamora sen chegar a saltar ao campo.
Relacionadas:
-
Trompazo granate no campo do pechacancelas
Por Almu Dapena |
-
Rufo e Yelko sentencian á Arandina no primeiro tempo
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Yago Iglesias, en alerta ante a visita a Pasarón dunha Arandina "moi vertical e física"
Por Diego Espiño |
-
Barbeiro queda como único inquilino da enfermería granate
Por Diego Espiño |
-
Rufo: "Yago está a ensinarme outro tipo de fútbol ao que fixen toda a miña vida"
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias: "Saímos reforzados deste partido"
Por Almu Dapena |
-
Triunfo a medio gas do Pontevedra ante o Marino de Luanco (1-2)
Por Almu Dapena |