Rufo e Yelko sentencian á Arandina no primeiro tempo (2-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
O Pontevedra Club de Fútbol segue na súa pelexa polo liderado tras un novo triunfo en Pasarón ante unha Arandina lastrada polas lesións. Rufo adiantou aos granates no minuto dous de xogo e Yelko sentenciou no 19 cun disparo imparable desde a frontal para sumar outros tres importantes puntos.
Apostou Yago Iglesias polo seu once habitual e volveu dar resultado nada máis saltar ao terreo de xogo cun arranque letal, tal e como ocorrera a pasada xornada ante o Mariño de Luanco. E é que non se cumpriron nin os dous minutos de xogo cando Rufo, na súa primeira chegada a área rival, recollía entre os centrais un balón que quedou rexeitado pola defensa e o enchufaba no interior da rede para adiantar así ao Pontevedra.
Sen apenas problemas continuou o partido para os de Pasarón, que avisaban pouco despois cunha falta desde o costado esquerdo botada por Yelko que se envenenó e foise desviada por moi pouco.
Optou a Arandina por replegarse á espera de que o Pontevedra perdese o balón para tentar saír xogado, pero a presión dos xogadores granates era tan forte que o balón non lle duraba nada nos pés.
E nun intento de saída dos xogadores visitantes, Álex González roubou en tres cuartos de campo e enviou a Rufo. O madrileño combinou con Chiqui, este último cedeu a Yelko, e o 10, desde a media lúa, sacou un potente disparo ao que non puido chegar o gardameta visitante, subindo o 2-0 ao marcador cando se cumpría o minuto 19.
GOOOL no Estadio Municipal de Pasarón@PontevedraCFSAD 20 @ArandinaCF
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) November 19, 2023
(19') Yelko anota un golazo
Podedes seguir o partido na canle de tv G2 ou a través da web G24: https://t.co/bHvjLowsag pic.twitter.com/oEViWbaBLr
Activouse a Arandina despois dese segundo gol en contra e Edu Sousa interveu primeira vez no partido despexando un cabezazo de Frodo tras un córner cando se alcanzaba o minuto 21.
A seguinte acción de perigo dos visitantes visitantes chegou no minuto 25. Raly Cabral roubou o esférico a Mario Gómez na saída de balón, pero non estivo acertado á hora de definir e Edu atallou sen problemas.
Volveu sufrir o Pontevedra por outro erro en zona crítica e a punto estivo de recortar diferenzas a Arandina por medio de Frodo, pero o seu disparo acabou estrelado na madeira. Minutos antes, os ribeiregos reclamaran penalti por unha caída dentro da área de Raly Cabral. Houbo contacto co defensor granate, pero o colexiado amoestou con amarela ao dianteiro.
Alcanzado o tempo de desconto, o Pontevedra tivo nas botas de Samu Mayo o gol da tranquilidade, pero o seu disparo foise desviado por moi pouco.
Comezou a segunda parte en Pasarón co equipo visitante envorcado en tarefas ofensivas disposto a darlle a volta ao resultado, tentando aproveitar que os granates estaban a ser moi pouco contundentes en defensa e concedían a balón parado. E Jaime Márquez foi o que puido recortar distancias tras a saída dun córner logrando enviar o esférico á rede, pero o colexiado anulouno por fóra de xogo.
Pouco despois desa ocasión buscou Dalisson o terceiro granate cunha boa condución polo carril central driblando a todos os rivais que se lle poñían por diante, buscou o disparo axustado ao pau longo, pero foise desviado por moi pouco.
Cun triplo cambio tentou Yago Iglesias sentenciar o partido, dando entrada a Zabaleta, Toño e Charly en lugar de Rufo, Chiqui e Dalisson, mentres o técnico da Arandina víase obrigado a mover ficha polas lesións de Frodo e Gonzalo, que só aguantou 10 minutos no terreo de xogo.
Conforme foi avanzando o tempo o partido estaba máis controlado aínda que non pechado. Os granates non sufrían e tiñan nun disparo de Bastos a opción de pechar o duelo, mentres os visitantes desesperábanse no seu intento de atacar a portería de Edu Sousa, pero o resultado non perigou a pesar dos sete minutos que engadiu o colexiado.
PONTEVEDRA CF (2): Edu Sousa, Bastos (Jaichenco, min. 94), Churre, Mario Gómez, Álex González, Rufo (Toño, min. 62), Yelko (Borja Domínguez, 84), Chiqui (Zabaleta, min. 62), Samu Mayo, Dalisson (Charly, min. 62) e Garay.
ARANDINA CF (0): Jara, Pesca, Vitolo, Frodo (Gonzalo, min. 62 / Ayoub, min. 71), Santa (Zazu, min. 71), Otu, Raly, Jaime, Deiby, Kevin (Átomo, min. 80) e Haji (Carmelo, min. 80).
Goles: 1-0, min. 2, Rufo. 2-0, min. 18, Yelko.
Árbitro: Leandro Carbajales Gómez, auxiliado por Eduardo Suero Rodríguez e Mario Fueyo Cubes. Amoestou a Dalisson (40') no Pontevedra e a Raly Cabral (32'), Sergio Santa Cruz (35'), Haji (42') e Jaime (85') na Arandina.
Incidencias: Partido entre Pontevedra CF e Arandina CF correspondente á xornada 12 de Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 2.402 espectadores. A presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, entregou a Rufo unha camiseta conmemorativa polos 100 partidos disputados coa elástica granate, cifra á que chegou a pasada xornada.
Relacionadas:
-
Trompazo granate no campo do pechacancelas
Por Almu Dapena |
-
Covadonga, o primeiro exame en céspede artificial: "Non vai cambiar a nosa idea pero si teremos que adaptala"
Por Diego Espiño |
-
Competición desestima o recurso do Pontevedra e confirma a tarxeta que viu Dalisson contra a Arandina
Por Diego Espiño |
-
Edu Sousa: "A sensación que hai é de moita seguridade"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra recorre o cartón amarelo visto por Dalisson contra a Arandina
Por Diego Espiño |
-
Unha xeira sen derrotas que non se daba desde fai nove tempadas
Por Diego Espiño |
-
Promoción nas entradas para un decembro de derbis galegos en Pasarón
Por Redacción |
-
Yago Iglesias, tras o partido contra a Arandina: "É unha vitoria de mérito"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Yago Iglesias, en alerta ante a visita a Pasarón dunha Arandina "moi vertical e física"
Por Diego Espiño |
-
Barbeiro queda como único inquilino da enfermería granate
Por Diego Espiño |
-
Rufo: "Yago está a ensinarme outro tipo de fútbol ao que fixen toda a miña vida"
Por Diego Espiño |
-
A dificultade de facerse un oco no primeiro equipo
Por Diego Espiño |
-
Triunfo a medio gas do Pontevedra ante o Marino de Luanco (1-2)
Por Almu Dapena |
-
Ocasións perdidas e empate sen goles entre Pontevedra e Rayo Cantabria
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |