Triunfo a medio gas do Pontevedra ante o Marino de Luanco (1-2)
Por Almu Dapena
Importante vitoria a conseguida este domingo polo Pontevedra Club de Fútbol, que despois de dous empates consecutivos volveu a sumar de tres para seguir metendo presión aos equipos de arriba.
Sen mostrar a súa mellor versión, os granates foron capaces de superar ao Marino de Luanco. Rufo abriu o marcador aos cinco minutos de xogo, Bastos asegurou o 0-2 no segundo tempo, pero un sorpresivo gol do David Grande no minuto 90 fixo que os últimos instantes fosen tensos.
Empezou da mellor forma a tarde para os de Yago Iglesias, que saíron dos vestiarios cun elevado ritmo e dispostos a levar a batuta do encontro. De feito, non se cumpriron os 5 minutos de xogo cando Rufo adiantou ao Pontevedra. O ariete madrileño recibiu dentro da área, plantouse diante de Dennis e cruzou o balón para subir o 0-1 ao marcador.
Tras o tanto tentaron aumentar a súa presión os locais e chegaron por primeira vez a portería granate. Corría o minuto 10 e Diego Díaz apareceu na frontal, disparou suave entre os tres paus e Edu Sousa atallou sen maiores problemas. Avisou outra vez o Marino cun centro de Iván Elena que se paseou pola área e ao que a punto estivo de chegar Miguel Cuesta, pero Churre, imperial, tirouse ben abaixo para interceptar o envío.
A pesar desas dúas chegadas, o Pontevedra estaba moi cómodo sobre o terreo de xogo, tocando dun lado a outro e atopando a súa opción nun bo disparo de Yelko de primeiras.
Pero conforme avanzaban os minutos o Marino de Luanco tratou de facerse co control e gozar así da mellor ocasión do encontro coa que metía medo aos granates, pero Edu Sousa volveu aparecer cunha boa intervención e evitar así o gol do empate.
Os visitantes estaban a conformarse co resultado e Yago Iglesias apertou as porcas aos seus xogadores para que atacasen con maior contundencia e creasen perigo en área rival.
Alcanzouse así a recta final do primeiro tempo, cando chegou unha nova oportunidade dos de Lérez. Samu Mayo sorprendeu á zaga local aparecendo entre os centrais e estrelou o seu disparo no pau no que puido ser o 0-2.
O guion non cambiou no inicio do segundo acto, onde houbo moi pouco fútbol e menos ocasións. Só Yelko, cunha falta directa cando se cumpría a hora de xogo, enviou o coiro entre os paus, pero Dennis desbaratou a ocasión despexando de puños; e Diego Díaz, tamén a balón parado, estivo preto do empate cun disparo a media altura que atrapou Edu Sousa no 67.
Necesitaba o Pontevedra un lavado de fronte e Yago Iglesias fixo a primeira substitución. Entrou Toño Calvo en lugar de Chiqui para tratar de controlar o medio campo e Dalisson empezou a caer máis á banda.
Cambiaron así o ritmo os granates e comezaron a acumular chegadas. Gozaron do primeiro córner do choque, o esférico paseouse pola área pero ningún xogador estivo atento para rematar.
Si chegou a reacción tras unha longa posesión en campo rival. Bastos cambiou de orientación á esquerda, Dalisson devolveu outra vez á dereita, o '2' entrou pola banda enganando ben aos defensores e rematar coa zurda ao interior da rede para facer o 0-2.
Co encontro xa practicamente sentenciado e sen pasar apenas apuros alcanzáronse os últimos instantes, momento en que Yago Iglesias decidiu dar minutos a Borja Domínguez, que reapareceu sobre o terreo de xogo despois de dous meses lesionado.
E nun visto e non visto complicouse o Pontevedra. Avisou primeiro César buscando o pau contrario, atopándose o seu envío con Edu Sousa, pero nada puido facer o gardameta granate na seguinte acción. Os seus perderon o balón de forma inexplicable e David Grande aproveitou o erro para recortar distancias e meter o medo no corpo aos visitantes.
Por diante aínda quedaban cinco minutos en xogo nos que Yago Iglesias pediu aos seus xogadores que mantivesen a calma e o balón afastado da portería. Lograron os granates o seu labor, pechando o choque sumando outros tres importantes puntos que serven para presionar aos equipos de arriba.
MARINO DE LUANCO (1): Dennis, Aspra, Mena, Traore, Diego Díaz (David Grande, min. 80), Miguel Cuesta, Alberto Lora, Guille Pinin, Iván Elena (Hugo Salinas, min. 70), Abraham José (César García, min. 46) e Adolfo (Nacho Matador, min. 70).
PONTEVEDRA CF (2): Edu Sousa, Bastos, Churre, Mario Gómez, Álex González, Rufo (Charly, min. 81), Yelko (Borja Domínguez, min. 88), Chiqui (Toño Calvo, min. 69), Samu Mayo, Dalisson (Hermelo, min. 81) e Garay.
Goles: 0-1, min. 4, Rufo. 0-2, min. 71, Ángel Bastos. 1-2, min. 90, David Grande.
Árbitros: Asier Villanueva, auxiliado en bandas por Jon Aostri e Gaizka Del Palacio. Amoestou a Adolfo (20') no Marino de Luanco e a Chiqui (64') e Churre (67') no Pontevedra Cf.
Incidencias: Partido entre Marino de Luanco e Pontevedra CF e correspondente á xornada 11 de Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Miramar ante ao redor de 500 espectadores.
Relacionadas:
-
Rufo e Yelko sentencian á Arandina no primeiro tempo
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Yago Iglesias, en alerta ante a visita a Pasarón dunha Arandina "moi vertical e física"
Por Diego Espiño |
-
Barbeiro queda como único inquilino da enfermería granate
Por Diego Espiño |
-
Rufo: "Yago está a ensinarme outro tipo de fútbol ao que fixen toda a miña vida"
Por Diego Espiño |
-
A dificultade de facerse un oco no primeiro equipo
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias: "Saímos reforzados deste partido"
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra buscará en Luanco "ser unha mellor versión que as xornadas anteriores"
Por Almu Dapena |
-
Confianza no Pontevedra tras os dous últimos empates: "Sería máis preocupante non xerar ocasións"
Por Diego Espiño |
-
Luanco, un desprazamento 'amable' como poucos na historia do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Ocasións perdidas e empate sen goles entre Pontevedra e Rayo Cantabria
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Samu Mayo: "Depende de nós, se seguimos nesta dinámica non temos que preocuparnos dos rivais"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra rasca un punto na casa dun correúdo Avilés (1-1)
Por Almu Dapena |