Rufo: "Yago está a ensinarme outro tipo de fútbol ao que fixen toda a miña vida"
Por Diego Espiño
Rufino Familiar Sánchez 'Rufo' deixou atrás defitivamente o pesadelo que supuxo o pasado curso para el tanto colectiva como individualmente. "Mentalmente foi unha tempada moi dura", asegura, e é que "cando sae un ano dese estilo... Empecei xa en pretempada con problemas de costas, acumuláronse un par de roturas no sóleo eu creo que viña da lesión de nocello do ano anterior, e parecía que non levantaba cabeza", rememora.
Meses despois a súa realidade é ben distinta, volve ser titular indiscutible no equipo ademais de máximo goleador con 6 tantos. Todo iso tras cumprir a pasada fin de semana 100 encontros defendendo a elástica granate. "É un orgullo e espero que sexan moitos máis", afirmou o dianteiro madrileño este mércores tras comparecer en rolda de prensa no Estadio Municipal de Pasarón.
"Este verán estiven traballando o máximo posible para solucionar estes problemas e de momento iso e coa continuidade que estou a ter a verdade é que me atopo super ben, esperemos que siga así", explica Rufo defendendo ademais que "me beneficio dun traballo grupal enorme, grazas a iso teño ocasións e podo axudar ao equipo co meu traballo que é marcar goles".
O que cambiou coa chegada de Yago Iglesias é o seu papel no equipo, e é que máis aló dun nove referencia participa no xogo máis que nunca. "Yago dáme unha chea de indicacións e estame ensinando outro tipo de fútbol ao que fixen toda a miña vida. Faime xogar moito máis co equipo, baixar a recibir, moverme a sitios e abrir espazos para que outros compañeiros os aproveiten e ao final nunca é tarde para aprender. Cantas máis cousas ensíneme máis completo serei e aínda que sexa maior aínda teño tempo de poder utilizalo e que se beneficie todo o mundo", sinala.
Rufo pensa xa na próxima xornada, coa visita do Arandina a Pasarón, un equipo que "usa defensa de cinco asiduamente" nunha situación que se está repetindo bastante esta tempada nos rivais. Por iso "traballamos moito con Yago a maneira sobre todo de abrir defensas de cinco. Estamos a traballar movementos para atacar esas liñas e que o partido non se faga espeso", asegura.
Do que non se fía o ariete é da clasificación que ocupa o próximo rival (penúltimo), e é que "calquera equipo te compite e rasca puntos, é unha liga bastante complicada. É verdade que na casa nos axudan as dimensións e o céspede que este ano está moi ben, pero os equipos coñécenche, traballan e poñen as cousas difíciles".
Ademais "nacasa temos que tentar perder os mínimos puntos posibles e ser máis efectivos", así que o obxectivo non será outro o domingo que o de facerse cos tres puntos en xogo para poder achegarse o máximo posible ao liderado.
Relacionadas:
-
Trompazo granate no campo do pechacancelas
Por Almu Dapena |
-
Rufo e Yelko sentencian á Arandina no primeiro tempo
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Yago Iglesias, en alerta ante a visita a Pasarón dunha Arandina "moi vertical e física"
Por Diego Espiño |
-
Barbeiro queda como único inquilino da enfermería granate
Por Diego Espiño |
-
A dificultade de facerse un oco no primeiro equipo
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias: "Saímos reforzados deste partido"
Por Almu Dapena |
-
Triunfo a medio gas do Pontevedra ante o Marino de Luanco (1-2)
Por Almu Dapena |