A Magdalena, un campo con aroma de clásico no fútbol galego e que se lle resiste ao Pontevedra
Por Diego Espiño
O Racing Club Villalbés é todo un clásico do fútbol galego, fundado no ano 1931, e como tal o seu campo da Magdalena é un dos templos con máis soleira do balompé autonómico.
Alí xogará o Pontevedra Club de Fútbol o seu primeiro partido de 2024, o vindeiro domingo 7 de xaneiro (16.00 horas), aínda que será soamente a súa quinta visita a Vilalba en partido de liga, xa que ambos os dous clubs coincidiron apenas catro tempadas en Terceira División no seu pasado recente.
Neste aspecto cabe destacar que é o primeiro curso do Villalbés en toda a súa historia por riba da Terceira División, tras o seu meritorio ascenso do pasado ano. Unha tempada na que está a gozar ao máximo da experiencia. O equipo lugués ocupa actualmente o oitavo posto con 23 puntos, opositando a relevación da liga e máis preto do play-off de ascenso (a 3 puntos) que do play-out e descenso (6 e 7 puntos respectivamente).
Iso si, a maioría de puntos lográronos a domicilio, sendo xunto a Pontevedra e Ourense CF os mellores visitantes do grupo (13 puntos). Peor rendemento lograron polo momento no seu estadio, con só dous triunfos (fronte a Gimnástica Torrelavega e Guijuelo) xunto a catro empates e dúas derrotas.
No que respecta ao cruzamento histórico co Pontevedra, que afrontará a súa primeira defensa do liderado, ambos coincidiron consecutivamente desde a campaña 2011-2012 á 2014-2015, catro tempadas nas que os granates só venceron en dúas ocasións ao Villabés e en Pasarón. Na Magdalena, estadio que agora visitan, o saldo é de dúas derrotas e dous empates.
Unhas estatísticas que pouco importarán en todo caso á hora de rodar o balón, aínda que no caso do equipo adestrado desde 2019 polo xove Simón Lamas tentará prolongar un ano máis.
Relacionadas:
-
Asedio do Pontevedra e empate en Vilalba (1-1)
Por Almu Dapena |
-
O Villabés, un equipo "moi recoñecible" que "prioriza o traballo colectivo"
Por Almu Dapena |
-
Granate desde o berce: o Pontevedra presenta o seu abonado máis novo
Por Redacción |
-
Xaneiro, sinónimo de fichaxes no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Reforzos de inverno no Pontevedra? Charles esconde as súas cartas: "Pode ser que si, pode ser que non"
Por Diego Espiño |
-
Tratamento de urxencia para mellorar o estado do céspede de Pasarón durante o Nadal
Por Diego Espiño |
-
Rufo, o 'pichichi' máis realizador dos últimos anos no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Barbeiro estréase en liga e reduce a un o número de granates sen minutos
Por Diego Espiño |