Xaneiro, sinónimo de fichaxes no Pontevedra
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol prepara xa a súa volta aos terreos de xogo co inicio do novo ano, algo que sucederá o vindeiro domingo 7 de xaneiro no campo do Racing Villalbés, pero o primeiro mes de 2024 supón ademais a entrada nun novo mercado de fichaxes, co tradicional período invernal.
O certo é que o mes de xaneiro é sinónimo de incorporacións no club granate, e é que desde o cambio de século só deixou de fichar no inverno en tres ocasiones.
"Pode ser que si, pode ser que non", contestaba recentemente Charles Dias nunha entrevista a PontevedraViva ao ser preguntado sobre posibles chegadas. Un caneo que deixa aberta a posibilidade, xa que a pesar de que todas as fichas sénior están actualmente ocupadas non sucede o mesmo coas destinadas a xogadores sub-23, e é aquí onde se centran os esforzos de rastrexo por se aparece unha boa posibilidade de reforzar o plantel para a segunda e decisiva fase da tempada.
Ademais a intención desde a entidade de Pasarón é reforzar o filial de Terceira RFEF no seu obxectivo de salvar a categoría, o que pode provocar algún movemento en fervenza.
No outro apartado posible, o das saídas, o secretario técnico granate afirmaba antes de final de ano que "nin un só xogador veu a falar connosco dicindo que non estaba contento. Polo menos por agora".
Con este punto de partida só o paso dos días dirá se esta é a cuarta tempada do presente século sen movementos ou se pola contra séguese coa tendencia habitual, que supón a fichaxe de polo menos un futbolista no inverno cando non moitos máis, como sucedeu en campañas revoltas como a do descenso desde Segunda B a Terceira na 2010-2011 (oito fichaxes).
A última vez que non chegou ninguén novo en xaneiro foi precisamente a anterior presenza na Segunda RFEF (21-22) con Ángel Rodríguez no banco e Toni Otero na dirección deportiva. Ese ano o equipo chegaba segundo ao parón do Nadal pero deixando boas sensacións, polo que se apostou por unha continuidade que acabou en ascenso a Primeira RFEF.
As outras dúas veces desde o 2000 que non se fichou en xaneiro foron no curso 2001-2002 con Raúl González no banco (o equipo era segundo a tres puntos do líder ao comezo do mes de xaneiro) e na 2006/2007 con Alberto Arbigay, aínda que aquela liga finalizouna no banco Javi Gracia (en Nadal o Pontevedra era terceiro).
En canto aos nomes de futbolistas fichados no período invernal, destaca no actual persoal o do pichichi Rufo (19-20) ou a primeira etapa de Borja Domínguez (18-19) na que se gañou por méritos propios regresar a Segunda División, pero tamén son lembradas as chegadas de homes como Igor de Souza. Iso si, moitos outros futbolistas chegados en xaneiro pasaron pola Boa Vila sen pena nin gloria, como o caso o curso pasado dun Gonzalo Bueno que chegou xa en febreiro pechado o prazo oficial por ser un futbolista en paro e que soamente chegou a xogar un par de minutos no desconto nun encontro en Talavera.
No que respecta a as últimas tempadas, a 22-23 deixou un mercado invernal no que aterraron en Pontevedra o propio Gonzalo Bueno e Javi Robles ademais de dar de alta a Derik Osede. Sen fichaxes un ano antes na 20-21 chegaron pola súa banda Damià Sabater e Pitu, mentres que na 19/20 houbo máis movemento coas fichaxes de Rufo, José García, Zabaleta e Adrián Cruz. Ademais na 18-19 fichouse a Borja Domínguez e a Álvaro Bustos e na 17-18 chegaron Darío Flores, Nacho López, Pibe e Eder Díez. Algúns exemplos de invernos que terminaron sendo movidos nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón.
Relacionadas:
-
Ao Pontevedra escápaselle a guinda no mercado invernal: "Queriamos outro xogador pero non puido ser"
Por Diego Espiño |
-
Azael García ficha polo Pontevedra ata final de tempada
Por Almu Dapena |
-
Dobre baixa por sanción no Pontevedra para o desprazamento a Torrelavega
Por Diego Espiño |
-
Asedio do Pontevedra e empate en Vilalba (1-1)
Por Almu Dapena |
-
O Villabés, un equipo "moi recoñecible" que "prioriza o traballo colectivo"
Por Almu Dapena |
-
A Magdalena, un campo con aroma de clásico no fútbol galego e que se lle resiste ao Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Granate desde o berce: o Pontevedra presenta o seu abonado máis novo
Por Redacción |
-
Reforzos de inverno no Pontevedra? Charles esconde as súas cartas: "Pode ser que si, pode ser que non"
Por Diego Espiño |
-
Tratamento de urxencia para mellorar o estado do céspede de Pasarón durante o Nadal
Por Diego Espiño |
-
Rufo, o 'pichichi' máis realizador dos últimos anos no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Un plantel granate con sete piares asegurados ata 2025
Por Diego Espiño |
-
Barbeiro estréase en liga e reduce a un o número de granates sen minutos
Por Diego Espiño |
-
Un liderado "anecdótico porque hai que estar aí en maio", di Yago Iglesias
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |