Máis de 200 ximnastas participan no décimo Festival de Inverno do Club In Mare de Marín
Por Redacción
Este próximo domingo 4 de febreiro o municipio de Marín celebrará un evento deportivo especial con motivo da primeira década que cumpre o Festival de Inverno Clube In Mare. Á entidade da ximnasia rítmica sumouse o Concello así como empresas e comercio do municipio co obxectivo de levar a cabo unha gala deportiva acorde co aniversario.
Será no Pavillón da Raña a partir das 17.00 horas. Participarán máis de 200 ximnastas de clubs de toda a provincia, que mostrarán a súa destreza nesta disciplina. A organización iluminará o tapiz sobre o que realizarán os seus bailes, instalará un photocall e avanza que tamén traballan nalgunhas sorpresas que se desvelarán o mesmo domingo.
A gala estará conducida polo Mago Paco, que exercerá de mestre de cerimonias e tamén introducirá xogos de maxia. Este evento ten carácter solidario cuxo beneficiario será Cáritas Santomé. Por iso, o público non pagará entrada pero si se ofrece a posibilidade de entregar alimentos non perecedoiros no momento da entrada ao recinto.