Paso atrás do Pontevedra, que perde o liderado ante o Zamora (1-3)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Se a pasada xornada falábase de efectividade por parte do Pontevedra, este domingo ante o Zamora ocorreu todo o contrario e foi o equipo castelán-leonés o que tirou de eficacia para facerse cos tres puntos en Pasarón. Os granates concederon en exceso atrás e foron incapaces de superar a zaga dun rival que deixou claro que é o equipo menos goleado da categoría.
O encontro comezou con media hora de atraso. A choiva caída durante a fin de semana deixou completamente asolagada a banda de Tribuna e obrigou aos colexiados para tomar a decisión de aprazalo ata as 17:30 horas. Unha vez se achicou toda a auga que se puido, deu comezo o partido.
Saltou o Pontevedra ao terreo de xogo coa idea clara de dominar e de ir ao ataque. O Zamora, pola contra, optaba por defender cos seus dez homes replegados para conceder o mínimo atrás e evitar que ocorrese o mesmo que no partido de ida.
Pero o primeiro aviso dos granates non tardou en chegar. Era o minuto tres de xogo e Álex González rematou frouxo un saque de banda que atallou sen problemas Fermín.
O Pontevedra quería máis e seguiu ao seu pese ao estado do terreo de xogo. Transitaba co balón xogado, atopaba espazos entre liñas e de cando en vez tamén optaba por buscar en longo as costas da defensa.
Os de Yago Iglesias tiñan o encontro dominado, xeraban perigo, pero faltaba materializar. Tivo Churre nas súas botas o que puido ser o 1-0 tras un saque de esquina e pouco despois Garay, cun potente disparo desde tres cuartos de campo que obrigou ao gardameta visitante a realizar unha espectacular estirada para evitar o gol.
Pasaban os minutos e os granates seguían metidos no campo dun Zamora que apenas tiña capacidade ofensiva e non pisaba a área de Edu Sousa ata alcanzada a media hora.
E foi a partir de aí cando chegaron os problemas a Pasarón. Os de verde soltáronse en ataque e, aínda que non atopaban espazos, mantiñan aos locais pechados por completo en defensa. E o Pontevedra foi vítima dese asedio rival. Saque de banda colgado na área, o despexe volveu chegar a Carlos Ramos na esquerda e centrou ao momento de penalti, onde Cañiza cabeceou moi axustado ao pau dereito imparable para Edu Sousa.
Co marcador en contra tocaba remar para remontar. Deu un paso adiante o Pontevedra para devolver o empate e xerou sobre todo a balón parado. Dalisson tivo a última cunha falta que centrou ao segundo pau, pero Toño non puido chegar e Fermín sacou de puños.
Tras o paso polos vestiarios continuaron os problemas para os locais. E dunha acción ofensiva ao seu favor chegou o 0-2. Saíu en carreira Cañizo, plantouse no bordo da área, cedeu a Joel Priego, este a Mancebo, e o 21 disparou cruzado ao interior da portería de Edu.
O gol sentou como un xerro de auga fría á parroquia granate, pero lonxe de baixar os brazos non cesaron no seu intento de buscar o gol que os metese de novo na pelexa. Deron un paso adiante, especialmente pola banda esquerda onde se atopaba Chiqui, que entrara en lugar de Toño no descanso para ser un revulsivo e xerar profundidade nesa zona.
E foi el precisamente o protagonista dunha das xogadas polémicas do segundo tempo. Foise de tres opoñentes e un deles, ao entrar na área, púxolle a cambadela. Os xogadores granates reclamaron o penalti, pero o colexiado non o sinalou.
O vendaval non cesou e o Pontevedra seguiu acumulando ocasións en área rival con centros laterais. Ao primeiro non puido chegar Bastos, despois volveuna a poñer Garay, o balón quedou dentro da área e finalmente chegoulle a Samu Mayo, que finalizou o xogada pero o seu disparo estrelouse nun defensor do visitante.
O Zamora tiña o partido onde quería e aproveitou cada xogada para perder tempo, especialmente por parte do seu gardameta Fermín. Pero o Pontevedra nunca se rende e, a pesar da necesidade de ver porta, amornou os nervios e atopou o premio.
Xogada de Guèye pola dereita, deixou a Charly, este a Álex, que xutou, pero o seu disparo deu na defensa. O rexeite chegou a Chiqui na esquerda, cedeu a Yelko, que puxo o centro no punto de penalti e Charly elevouse entre os defensas para sacar unha espectacular chilena e facer o 1-2.
O tempo íase consumindo e os visitantes estaban a sufrir e cargándose de faltas que lles custaba unha amarela tras outra. Entrou o partido no tempo de desconto e os granates tiveron o gol do empate. Falta botada por Borja, Charly picouna de cabeza na área e deixoulla en bandexa a Churre, pero rematou mal e Fermín detivo.
E dun posible 2-2 chegou o gol da sentenza. O Pontevedra estaba completamente envorcado en ataque e o Zamora golpeou. Joel Priego fíxose co esférico en campo granate, disparou e Edu Sousa despexou. O segundo balón caeu nas botas de Víctor López, que estaba completamente só, e enviou á rede.
Dura derrota que supón a perda de liderado a pesar de xerar máis perigo que o seu rival, pero as concesións en defensa páganse e máis contra un rival como o Zamora, que das tres que tivo, tres que anotou.
PONTEVEDRA CF (1): Edu Sousa, Bastos, Churre, Mario Gómez, Toño (Chiqui, min. 46), Álex González, Rufo, Yelko, Samu Mayo (Borja Domínguez, 79), Dalisson (Charly, min. 72) e Garay (Guèye, min. 64).
ZAMORA CF (3): Fermín, Parra (Nico Delmonte, min. 51), Luismi, Cañizo (Víctor López, min 82), Adrián Birlo, Dani Hernández, Juanan (Roger Marcé, min. 51), Carlos Ramos, Mancebo (Sergi Baldrich, min. 82), Joel Priego (Luis Rivas, min. 93) e Julen Castañeda.
Goles: 0-1, Cañizo, min. 37. 0-2, Mancebo, min. 47. 1-2, Charly, min. 80. 1-3, Víctor López, min. 93.
Árbitros: Angelov Borisov, auxiliado en bandas por Luis Miguel Díaz Soto e Pedro Galipienso Rodríguez (Baleares). Amoestaron a Borja Domínguez (97') no Pontevedra e a Parra (41'), Carlos Ramos (56'), Mancebo (62'), Cañizo (66'), Sergi Baldrich (85') e Adrián Birlo no Zamora.
Incidencias: Partido da xornada 24 de liga en Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 2.605 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en honra á vítimas do incendio en Valencia.
Relacionadas:
-
A mala sorte do Oviedo Vetusta, aliada do Pontevedra (2-3)
Por Almu Dapena |
-
Yago Iglesias apunta ao mes de marzo como "clave" en "unha liga de dez xornadas" cara ao ascenso
Por Diego Espiño |
-
O Real Oviedo retransmitirá en aberto o partido do seu filial contra o Pontevedra
Por Redacción |
-
Yelko Pino: "Despois de cada derrota o equipo saíu reforzado"
Por Diego Espiño |
-
Dez xornadas de infarto para decidir o ascenso: este é o camiño de Pontevedra, Ourense e Zamora
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias: "Non tivemos a eficacia destes días e o Zamora tivo tres e marcou tres"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
David Movilla, adestrador do Zamora: "Manter o ritmo do Pontevedra é complicado, pero ata o de agora estámolo conseguindo"
Por Redacción |
-
Yago Iglesias resta dramatismo ao Pontevedra-Zamora: "Despois disto quedan 10 partidos, 30 puntos, non é definitivo"
Por Diego Espiño |
-
Terremoto no próximo rival do Pontevedra: O presidente do Zamora, detido pola Garda Civil
Por Diego Espiño |
-
Dalisson e o partido ante o Zamora en Pasarón: "Creo que o factor campo vai axudar moitísimo"
Por Diego Espiño |
-
Charly rendibiliza os seus minutos con goles
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra das goleadas... e as remontadas
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra tira de efectividade para remontar ante o Coruxo e seguir líder (3-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Dúas xornadas clave para o Pontevedra, e as dúas en Pasarón
Por Diego Espiño |